Nunha xornada máis propia do verán que do outono, as dúas rodas e os maillots inundaron A Fonsagrada pola novena edición da Ruta dos Lobos, unha cita fixa para moitos afeccionados ao ciclismo de montaña e un descubrimento para outros tantos. En total foron 350 as persoas que saíron ás 11.00 horas da Praza do Concello rumbo aos tesouros naturais que alberga o municipio.
Con dúas variantes a elixir, unha curta de máis de 26 quilómetros e outra longa de case 47, os participantes tiveron a oportunidade de achegarse a espazos como o Alto do Muradal, que cos seus máis de 1.100 metros é o punto máis elevado do concello; ou a seimeira de Vilagocende, ademais da Proba de Burón, o Mazo de Vicente da Porteliña e o Camiño Primitivo. E é que, tal e como recoñecía o alcalde, Carlos López, os tempos rexistrados eran anécdota nunha proba puramente cicloturista.
Con todo, unha hora e media despois do inicio conxunto da ruta cruzaba a meta o primeiro participante, neste caso inscrito na variante de 26 quilómetros, mentres que o líder da volta longa fíxoa en tres horas.
Abel Carballés, premiado piloto de enduro natural de Pol, foi un nome destacado na nómina de participantes, como tamén o foron Javi Busto, Susana Alonso e Miguel Arias, campións de BTT. E en canto a clubs, os Biciosos de Pontevedra, que nesta ocasión acudiron en masa ata A Fonsagrada, superando o medio cento de membros.
Visto o éxito de onte, os organizadores -Concello e Balompé Fonsagrada, coa Deputación e máis de 50 locais- pensan xa na décima edición: "Estamos traballando nalgunha idea, queremos que sexa especial", adiantou López.