O belén que medra nos Ancares

A instalación, que pode visitarse até o 6 de xaneiro en Becerreá, recrea cada recuncho da comarca dende o ano 1998. A última incorporación é unha maqueta da antiga consistorial
Alberto Alonso Fernández. EP
photo_camera Alberto Alonso Fernández. EP

O Belén dos Ancares é cada ano máis grande. Cada ano dende aquel 1998 no que botou a andar, con apenas con dúas maquetas, unha da Igrexa do Santo e outra dunha casa labrega. A inciativa fora de Olivia León, veciña de Becerreá, que quixo darlle á parroquia do Santo unha escenografía propia destas datas. Pero, como a cousa medraba, e era un traballo grande montar e desmontar cada ano, o Belén trasladouse ao número tres da Avenida de Navia, onde pode visitarse ata o día 6 de xaneiro calquera día da semana en horario de 17:00 a 19:00 horas.

Hoxe, o Belén dos Ancares mide 20 metros cadrados. A última maqueta que se sumou foi a da antiga casa do Concello de Becerreá, que foi demolida para modificar o trazado da N-6 a raíz dun accidente a finais dos anos sesenta. Porén, o espazo acolle elementos de toda a comarca, como pallozas, hórreos, muíños e até un lagar, en referencia á cultura vinícola que tamén se deu nas beiras do río Navia. E todos eles se conxugan cos elementos propios do Belén, dándolle forma do Castelo de Doiras ao de Herodes. Ademais, no Belén é posible ver escenas de oficios da comarca, como o dos ferreiros, carpinteiros ou fiandeiras, ou labores do campo como as recolleitas ou a malla, ou momentos da vida na aldea coma os parladoiros. Tamén é posible ver recreacións das feiras dos días 3 e 19, cos feirantes a vender cacharros, cestos ou liño nas que non falta, por suposto, o posto de polbo. Non, non falta detalle no Belén dos Ancares. Non faltan lousas no teito das casas ou colmos preparados para teitar as pallozas, nin porcos nas cortes ou pitas nas hortas. Non faltan carros do país, nin piornos e xestas, nin a sombra dun teixo. Todo está coidado ao máximo detalle.

"Pretendemos que sexa unha mostra do que foi a comarca hai medio século", comenta Alberto Alonso Fernández, un dos veciños que terman do que xa é unha tradición na vila, e que integran Zoela Asociación Cultural de Becerreá. "Todas as construcións que se poden ver foron feitas pola man de Olivia, coa axuda do seu fillo Manolo", engade.

OUTRAS INICIATIVAS. A Asociación Zoela botou a andar no ano 1996 e, aínda que o Belén dos Ancares é a súa actividade fundamental, nestes anos tamén favoreceron a recuperación da novena da Candeloria, a serie de misas que comezaban o 25 de xaneiro e se prolongaban ata o 2 de febreiro, día da padroa, cos seus cantos asociados, coma o Himno das Candelas. Coa pandemia esta serie de misas suspendéronse, así como as outras actividades que organiza Zoelas, pero o Belén dos Ancares segue alumando estas datas.

comentarios