Un becerrense tomará parte nun cume xunto a Obama

César López foi escollido entre 2.000 aspirantes para asistir en Madrid a un evento sobre economía circular. Será o único lucense

César López. EP
photo_camera César López. EP

O becerrense César López foi seleccionado entre 2.000 candidatos de toda España para tomar parte no I Cume de Innovación Tecnolóxica e Economía Circular que terá lugar en Madrid o próximo 6 de xullo. O expresidente de Estados Unidos, Barack Obama, será un dos encargados de formar sobre economía verde aos 300 asistentes.

Os participantes poderán mellorar os seus coñecementos en economía verde e sostible da man dunha trintena de Premios Nobel como Christopher A. Pissarides e Finn Kydland, distinguidos co galardón de Economía, en 2012 e 2004 respectivamente, ou Barry Barish, coa Física en 2017.

Entre os seleccionados destaca a figura de César López, director de vendas rexional de HSM, empresa alemá que desenvolve, produce e comercializa produtos para prensar materiais reciclables. Será o único lucense que asistirá ao evento. Este profesional, fincado en Barcelona pero oriúndo da parroquia becerrega de Fraian de Arriba —onde aínda reside boa parte da súa familia—, superou un proceso de selección que consistía nunha "entrevista sobre os nosos coñecementos no ámbito da industria, e a vinculación da miña empresa nese ámbito, así como as nosas áreas de influencia en RRSS e o impacto que causamos nelas", explica López, quen tivo que superar unha última criba telefónica para acceder ao evento internacional.

O obxectivo do cume é concienciar sobre os beneficios para a sociedade e o medio ambiente deste novo modelo, e crear unha rede nacional de activistas civís pola economía circular formada polos 300 líderes seleccionados.

"A finalidade deste evento é formar a líderes profesionais na promoción no concepto e a filosofía de economía circular. É unha acción totalmente altruísta, sen compensación económica para ningunha das partes", advirte López, licenciado en Enxeñería Química pola Universidade Autónoma de Barcelona e na ESIC Business&Mercadotecnia School.

A economía circular é unha estratexia que ten por obxectivo reducir tanto a entrada dos materiais como a produción de refugallos e o uso de enerxías renovables. "Trátase de lograr un modelo de reciclaxe sostible, que os materiais e maquinaria xa usada volva ao proceso de produción e non se destrúa simplemente", comenta.

CONCIENCIACIÓN. O becerrense móstrase entusiasmado por asistir ao evento, pois advirte da súa importancia e futura repercusión "trátase de concienciar tanto a empresas como a gobernos sobre a utilización da economía circular e as enerxías renovables", comenta.

A fundación ALF (Advanced Leadership Foundation) encargouse de seleccionar os participantes e tivo como criterio a capacidade de cada un deles para compartir o coñecemento sobre economía circular nas súas áreas de influencia, o impacto social e comunitario, o seu compromiso coa temática e capacidade para levar a cabo polo menos dez charlas ao ano sobre o tema.

Comentarios