Becerreá contará en 2019 cun orzamento próximo aos 2,8 millóns de euros

Resérvase para investimentos reais unha partida de case 300.000 euros, o que supón o dobre que o consignado para o presente exercicio

Manuel Martínez.EP
photo_camera Manuel Martínez.EP

LUGO. O Concello de Becerreá contará en 2019 cun orzamento que ascende a case 2,8 millóns de euros. O equipo de goberno do grupo de non adscritos sacou adiante este xoves en solitario as contas para o próximo ano na sesión plenaria celebrada pola corporación municipal.

O rexedor local, Manuel Martínez, explicou que se trata duns «orzamentos moi realistas, austeros e continuistas», pois se manteñen na liña doutros anos. En concreto, incrementaranse en 400.000 euros con respecto ao presente exercicio, que ascenderon a uns 2,4 millóns. As contas para 2019 contemplan un montante de 2.782.765 euros para gastos e a mesma cantidade para o apartado de ingresos.

A partida reservada a investimentos ascende a case 300.000 euros, o que supón o dobre que o consignado nas contas de 2018 ao contemplarse fondos asignados pola Deputación co plan único. Así, reflíctense actuacións realizadas con fondos propios como a recollida, xestión e tratamento de residuos (6.000 euros) ou obras de mantemento en viarios e outros servizos (15.000 euros). Incorpóranse ademais os fondos procedentes do plan único provincial (246.398 euros) e outra partida do organismo lucense que ascende a case 27.000 para renovar a iluminación pública no municipio. No entanto, o alcalde avanza que «tratar de cantidades coas coas que sabemos fixo que imos contar, pero a partida incrementarase ao recibir subvencións das distintas administracións. Por iso reitero que os nosos orzamentos son realistas ao 100%», indicou.

A maioría do gasto do orzamento levaranllo os capítulos de gastos correntes (1.360.463 euros) e de persoal (1.088.958 euros). Nesta última partida incorpórase como novidade a retribución por dedicación exclusiva do concelleiro de deportes, cultura e turismo e do propio alcalde.

No apartado de recadación os impostos directos suman 620.298 euros; os indirectos, 11.474, e as taxas e outros ingresos, 433.385 euros.

SUBVENCIÓNS. As contas contemplan tamén un crédito global de 39.200 euros en subvencións para 14 entidades. Resérvanse 1.503 euros para o Ceip San Xoán e unha cantidade similar para o IES; a entidade Antonio Gandoy recibirá 1.200; Chao do Sebes, 500; Son de Cores, 600; a entidade veciñal Agüeira, outros 600 e a asociación española contra o cancro, 800 euros.

En canto ás entidades deportivas da vila, a de baloncesto recibirá 1.900 euros; a sociedade deportiva, unha axuda de 6.000 e outra de 1.200; o club de ximnasia rítmica, 1.500; a entidade Ancares Becerreá percibirá 1.000; o motoclub Enduro, 2.000 e a entidade Torrados Racing, unha partida de 600 euros.

Comentarios