Baralla mellora con 128.000 euros a potabilizadora que abastece ao núcleo urbano

O Concello estima que as obras, que foron adxudicadas a semana pasada á empresa Tes Water, estarán rematadas a finais de xaneiro
photo_camera A potabilizadora do núcleo urbano. EP

O Concello de Baralla mellorará a potabilizadora situada en Fachita, que é a que abastece ao núcleo urbano e a poboacións próximas a el como Pousada e Escobio. O importe destinado para a realización destas obras é 127.923 euros, que segundo indicou o alcalde da localidade, o popular Miguel González Piñeiro, proveñen dunha subvención do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) que ten por obxectivo o promover unha economía baixa en carbono nas entidades locais.

O contrato, que saíu a licitación o pasado día 9 de outubro, foi adxudicado a semana pasada á empresa Tes Water, que segundo indicou o rexedor trátase dunha Unitón Temporal de Empresas (Ute), e que previsiblemente terminará os traballos a finais do próximo mes de xaneiro. A redacción do proxecto foi elaborada polo enxeñeiro industrial Nicanor Piñeiro Sampedro e aprobada pola xunta de goberno local o 10 de setembro do presente ano.

As actuacións consistirán fundamentalmente en mellorar a eficiencia enerxética destas instalacións, o que repercutirá tamén nun aforro posterior do seu funcionamento, segundo indicou o rexedor.

O alcalde explica que esta intervención permitirá automatizar o manexo da depuradora e mellorar a extracción de auga

Para iso, as actuacións que se contemplan pasarán polo cambio das bombas de presión e dos filtros de area, así como pola colocación dun novo cadro eléctrico de protección e mando. "As intervencións teñen por obxectivo modificar e mellorar o xeito de extraer a auga do río Neira", comentou o rexedor municipal, que tamén explicou que o estado actual da potabilizadora presta "deficiencias que era necesario mellorar", comentou.

"Por iso, a obra da depuradora é unha intervención necesaria para o municipio, que era urxente acometer, porque ademais afecta o núcleo urbano de Baralla", resaltou o alcalde.

Tamén comentou que as intervencións permitirán automatizar o funcionamento da potabilizadora para poder xestionala a distancia, cuestión que ata agora non sucedía, "polo que mellorarán substancialmente o seu funcionamento xeral", sentenciou Miguel Piñeiro.

Comentarios