Balseiro lamenta a perda dun "gran amigo, gran alcalde e gran persoa"

O Delegado da Xunta en Lugo quixo transmitir as súas "condolencias á familia" de González Capón

José Manuel Balseiro. J.VÁZQUEZ
photo_camera José Manuel Balseiro. J.VÁZQUEZ

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, expresou este luns o seu pesar polo falecemento do exalcalde de Baralla Manuel González Capón, porque dixo que era para el "un gran amigo" e, polo tanto, a perda fáiselle "dobremente dolorosa".

En declaracións aos medios de comunicación, logo dunha rolda de prensa na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Balseiro quixo transmitir as súas "condolencias á familia" de González Capón.

Recordou que os veciños de Baralla "perderon a un gran alcalde", que estivo á fronte do Concello durante 32 anos, pero tamén "a unha gran persoa".

Balseiro precisou que agora quedou á fronte do Concello de Baralla o tenente de alcalde, Manuel Rodríguez, á espera de que a corporación municipal elixa ao novo rexedor local.

O delegado da Xunta precisou que o prazo para escoller ao novo alcalde é "de dez días", a contar desde o pasado venres, cando González Capón formalizaba a súa renuncia por motivos de saúde.