Baixo o paraugas da igualdade

O CPI Uxío Novoneira de Pedrafita do Cebreiro conta desde este xoves cun mural que lle dá "as costas ao machismo". O campión mundial de grafitti, Diego As, foi o encargado de pintalo
Alumnos e profesoras do CPI Uxío Novoneyra xunto a Diego As nun momento da creación do mural. SEBAS SENANDE
photo_camera Alumnos e profesoras do CPI Uxío Novoneira xunto a Diego As nun momento da creación do mural. SEBAS SENANDE

Se chove desigualdade, eles abren os paraugas. O CIP Uxío Novoneira de Pedrafita do Cebreiro pode presumir de ser ben reivindicativo e, desde este xoves, tamén de ter un mural a prol da concienciación pintado polo artista Diego As. O proxecto, que contou coa colaboración do Concello, enmárcase no plan Proxecta por 365 días de respecto e igualdade da Xunta de Galicia.

"O noso obxectivo é que os nenos abran os ollos ante a lacra do machismo", explica María Míguez, profesora do centro e coordinadora da actividade. "O cambio comeza nas casas, pero segue na educación e nós facemos todo o que podemos", apunta.

É que ademais de ser a man que mece o berce deste proxecto, Míguez foi a creadora da ilustración que agora adorna unha das paredes desta escola da Montaña. Baixo o lema Revírate xa!, representou unha nena suxeitando un paraugas para "darlle as costas ao machismo. É que son unha rebelde sen causa!", di divertida.

A actividade contou coa colaboración do Concello e a participación activa dos alumnos do centro", di María Míguez, coordinadora da actividade.

Un debuxo que cobrou vida grazas ás mans do campión mundial de graffiti Diego As, que non dubidou "nin un segundo" en acudir á chamada do Uxío Novoneira para aportar o seu gran de area. A desigualdade "é unha cuestión que hai que machacar. Paréceme importante que os rapaces queden con esa conciencia", explicou.

Varias horas de traballo nas que estivo acompañado por alumnos do centro que, brocha en man, non paraban de mirar abraiados os movementos lixeiros e precisos do creador do Julio César lucense. "É unha pasada o que fai Diego", dicía Mencía, alumna de 1º de Eso, para logo apuntar que reivindicar a igualdade entre sexos é algo "que hai que facer sempre".

É que ata nos máis pequenos vai callando pouco a pouco a idea de recuperar aquela dignidade que por séculos lle foi negada á muller, especialmente nas contornas do rural. "A situación vai cambiando pouco a pouco", apunta Míguez, "pero os propios estudantes seguen a notar pequenas diferenzas en situacións cotiás".

Outras actividades

O CPI Uxío Novoneira traballa man a man co plan Proxecta por 365 días de respecto e igualdade da Xunta, e que lles permite que educar ás novas xeracións na plena igualdade pase de ser unha utopía a estar cada vez máis preto de converterse nunha realidade.

"O plan permitiunos traer teatro ou charlas relativos a esta temática", di Míguez. "Tamén intentamos incorporar esta perspectiva nas clases, facer murais, debuxos... Temos 30 alumnos e implicámolos a todos", conclúe.

Comentarios