Unha aventura nova a cabalo

Mario López marchou con 21 anos da casa familiar en Vilarchao, na Fonsangrada, e traballou como mecánico por todo o país. Unha década despois decidiu que esa non era a vida que quería e volveu para organizar rutas a cabalo pola zona
undefined
photo_camera Mario López, cun dos seus cabalos. EP

Mario López criouse nunha casa da aldea de Vilarchao, na Fonsagrada. Medrou rodeado de animais, botando unha man no coidado do gando e dos terreos dos pais. De mozo percorreu o país traballando de mecánico. "Case non me quedou lugar sen visitar", conta. Despois de dez anos decidiu deixar a empresa na que estaba contratado e tomar un ano sabático para reordenar a súa vida. Nese tempo fixo varias veces o Camiño de Santiago a cabalo e pensou que era unha experiencia digna de vivir, así que montou Equusfera. É unha iniciativa que xorde do seu gusto pola aventura e ofrece realizar rutas ecuestres pola montaña galego-asturiana.

Aproveitou a infraestrutura que herdou dos seus pais e empezou a traballar con cabalos "porque vacas xa había moitas por aquí", bromea. Comezou a formarse e di que aprendeu "sobre todo a base de ter curiosidade". A dinámica de traballo e o amor polos animais, explica, xa os tiña aprendidos da familia, así que non lle foi difícil afacerse. O que se lle fixo máis costa arriba foi arrancar o negocio. Saíu adiante sobre todo grazas a que os negocios veciños o recomendaban aos visitantes: "Ao principio abafábame, especialmente cando chegaban as facturas, pero tiven moita axuda da xente da zona, foron os que realmente me puxeron no mapa".

Cinco anos despois, dende Equusfera, é el quen redirixe os seus clientes, procedentes de toda España, aos outros negocios. Oferta rutas curtas dun par de horas de duración ou outras que se alongan varios días, e que percorren a Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras do Burón, entre a montaña lucense e Asturias. Algunhas delas teñen como obxectivo avistar osos pardos. Tamén ofrece a posibilidade de percorrer a cabalo todas as vertentes do Camiño de Santiago. Asegura que polo xeral a xente repite, e que aínda sen ter experiencia previa cando comezan a coller confianza cos cabalos piden facer rutas máis longas, de varias xornadas. Na súa web, www.equusfera.com, pódense consultar os itinerarios.

López fai fincapé na súa convicción de que "por diante de calquera outra cousa está sempre o benestar animal"

López coida de 18 cabalos, 13 para montar máis varias eguas e sementais para a cría. Todos eles viven en semiliberdade, de acordo coa súa convicción de que o benestar dos cabalos debe estar por diante de todo: "Quero que sexan o máis libres e o máis felices posible". Por iso se dedica á doma natural, e ofrece cursos de formación en equitación e doma para ensinar a tratar cos cabalos sen necesidade de forzalos, entendéndoos e respectando os tempos dos animais. Asegura que "tratándoos ben eles trátante ben a ti".

A pandemia foi un golpe para Mario López como o foi para quen vive do turismo: "Non se facturou nada e os gastos corrían igual". Pero no verán notou o aumento de xente que escollía o turismo rural e ao aire libre, e comenta que "agora fai falta que este verán sexa coma o anterior".

Botando a vista atrás, López conclúe que traballa máis horas e que non ten vacacións nin salario fixo. Malia todo asegura con rotundidade que non o cambia por nada e que a súa vida foi a mellor. Conta con alegría que os que empezan sendo clientes acaban por converterse en amigos, e que "aínda que non vaian montar se pasan por aquí sempre veñen tomar un café e ver á familia".

Comentarios