lunes. 19.10.2020 |
El tiempo
lunes. 19.10.2020
El tiempo

Atopan as primeiras mámoas que se conservan en Pedrafita

Mámoa da Medorra, en Pacios. EP
Mámoa da Medorra, en Pacios. EP
Non quedan evidencias da catalogada pola Xunta en Zanfonga

Patrimonio dos Ancares documentou dúas mámoas no concello de Pedrafita, unha delas situada no límite con León. A antigüidade destes enterramentos ronda os 6.000 anos. Son as primeiras do municipio das que se conservan restos, xa que na actualidade non quedan evidencias da de Rubiais, en Zanfonga, catalogada no inventario de bens culturais da Xunta de Galicia.

Unha das mámoas atópase no monte Riba do Santo, a 1.350 metros de altitude, no límite entre O Cebreiro e A Lagoa, no concello berciano de Vega de Valcarce. De forma máis ben ovalada, ten unhas medidas de 15 por 12 metros, e unha altura de un metro. No centro obsérvase un pequeno cráter de violación. Os restos foron alterados por unha plantación de piñeiros. Ao atoparse entre dúas comunidades comunicarán o achádego aos departamentos de Patrimonio de Galicia e de León.

A segunda mámoa está na parroquia de Pacios, a 1.175 metros de altitude, no monte co evocativo nome de A Medorra, clara alusión a un primitivo enterramento. Cuberta pola maleza, ten uns 16 metros de diámetro e unha altura de 1,20. Nun monte, a 350 metros de distancia, había outra mámoa que, debido aos labores agrícolas, desapareceu hai uns 70 anos.

Da mámoa de Zanfoga non quedan restos. "Quizais o único sexa unha pedra que atopamos a 75 metros de distancia que puidera ser o esteo dun posible dolmen, pero ao atoparse fóra dun contexto arqueolóxico claro, non podemos afirmalo con seguridade", indican desde Patrimonio dos Ancares.

Atopan as primeiras mámoas que se conservan en Pedrafita
comentarios