Así veu o maio de cine cuberto a Vilela

O alumnado da escola suíza HEAD que Oliver Laxe acolleu unha tempada na súa casa comezou a filmar. Retratos de veciños, comedias musicais, desbroces de camiños, castelos, casas, cans... todo florece transformado pola súa cámara
Oliver Laxe e os estudantes, na Casa Quindós. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Oliver Laxe e os estudantes, na Casa Quindós. VICTORIA RODRÍGUEZ

"Susín! Onde estás? Levanta a bandeira! Tes que subir!" Corto e cambio. "Xa, xa estou subindo!" Falan por walkie talkie, pero en realidade cáseque as palabras se deixan ir dun monte a outro coma o son das chocas. Quen dirixe é Oliver Laxe, dende o alto do Teso do Castro da Ermida, diante da súa casa. Seu curmán vai seguindo as instrucións, desbrozadora arriba e abaixo, e Amador síguelle tamén. A escena, neste día limpo e florido de maio, semella unha festa, unha orquestra. Os que a filman son Rosida, Julian e Côme, tres dos quince estudantes de cinema da Escola de Arte e Deseño de Xenebra (HEAD) que chegaron a Vilela o 16 de maio

Oliver Laxe, no Teso da Ermida do Castro. VICTORIA RODRÍGUEZA escola ten por tradición, no segundo curso, pasar unha tempada cun cineasta, que os estudantes saian da zona máis cómoda das aulas para adentrarse na vida dun director. O México de Carlos Reygadas ou o Xapón de Naomi Kawase foron algunhas das propostas anteriores. Os Ancares, co director de O que arde, foi a aposta deste ano e unha das primeiras actividades que acolle a recén reformada Casa Quindós. Despois duns días escoitando, ollando, coñecendo aos veciños, os estudantes dividíronse en grupos para filmar o xa catado. 

"Eu podería vivir aquí. Pola luz, e pola xente", di Arthur no momento do almorzo comunitario, despois das aulas de ioga que comparten ás 8.00 da mañá. El vai traballar xunto ao seu compañeiro Ryan con Marián, Xabier, Mario, Dani e Nerea, rapazada do CPI de Navia de Suarna. "As persoas aquí son moi abertas, a mágoa é que haxa tantos lugares baleiros. Por iso quixen achegarme aos nenos do cole e saber que visión teñen, como ven o futuro", indica, mentres acaba ese café que tamén lles serve para organizarse. "Compartir tanto tempo xuntos supón unha grande aprendizaxe, implica negociar moitas cousas e saír desa visión idealizada de nós mesmos que temos cando estamos sós", comenta Oliver. 

Acabado o almorzo, cadaquén se centra no seu proxecto. Unhas quedan na casa dando voltas ao guión, outros revisan os planos do día anterior. Louis, dunha Bretaña que recoñece próxima a Galicia, colle a cámara para ir grabar a Quindós con Fulvio Balmer, un dos docentes da HEAD que —xunto con Javier Cadena— acompañan a estadía, e que tamén fai de intérprete cos locais nun castelán perfecto que aprendeu de neno en Suíza, co programa escolar da embaixada española como neto de emigrante catalán. Voltas, tantas como dá a estrada nestas terras. 

Na Casa de Federico. VICTORIA RODRÍGUEZCOS VECIÑOS. Alí en Quindós Raquel abre as portas da Casa de Federico, unha cantina que os seus pais comezaron a levar nos anos 50, e que hoxe, pechada, mantense parada no tempo, coma o reloxo, as hortensias secas, o brandy na estantería e a luz das cousas alí supensas, que semellan agradecidas da mirada que nelas apousa. "Vós vindes todos de Vilela? Pero cantas persoas estades alí?", pregunta tamén curiosa da algarabía que intúe na aldea. 

Da comida, ao mediodía, encárgase Mari Carmen, do Bar Xegunde na Proba de Navia. "Levas estes once días sen repetir menú!", dinlle. E ela, atenta a todos, insiste para que non quede ninguén sen torta de millo. Sebastián Uría, cineasta amigo de Oliver e tamén veciño de Navia, aproveita para facer un repaso dos proxectos. Natthan e Maelwenn filmarán un conto fantástico. Sofía traballará sobre a percepción do tempo e do espazo en Ancares. Ivan e Camille retratarán a Ifigenia, de Santalla.

Davide Salvado achegábase este mércores a Vilela para colaborar con Ivan, Camille e Ciel nunha performance sobre os antigos tecidos. O músico tamén participará na comedia musical que prepara Ciel no Castelo de Doiras. Côme dedicará a súa peli aos cans da serra. Arthur e George abordarán sucesos que xa forman parte do imaxinario, "coma o morto que matou aos catro vivos, conócelo?", pregunta Sebastián. Julian conta que está facendo un guión poético que acompañará a apertura dun camiño até as minas romanas, aproveitando un antigo regadío. "Cousas que quedarán", di Oliver. 

Un momento do traballo en Vilela. VICTORIA RODRÍGUEZCando amaina a desbrozadora, Rosida deixa asomar a súa historia. Quere gardar a memoria da Casa Quiroga, dende alí visible no fondo do val. O seu interese na memoria dos lugares é froito de migracións e exilios. De non poder regresar á aldea dos pais, unha das moitas destruídas polo exército turco nos anos 90 na represión continuada sobre o pobo kurdo. "Quixen estudar cine porque hai moitas historias que contar. Para dar voz a realidades que non se ven. Para curarme", di. Tamén curativo está a ser para el este tempo cun director alí enraizado, "namorado do lugar, da xente". Del aprende "as texturas reais dun cine relacionado coa vida" nun lugar que lle ensina "a deixar as malas memorias na auga, no río". "A memoria dos espazos é importante", di Rosida. En Vilela ha ficar esta conversa. Tamén no cine.

Comentarios