Unha aseguradora terá que pagar 218.000 euros por un lume nun taller agrícola

O xulgado de Becerreá estimou a demanda presentada polo titular da nave e os propietarios da maquinaria afectada polo incendio
El incendio ocurrido el 14 de diciembre de 2017 en Guilfrei. EP
photo_camera O incendio ocorrido o 14 de decembro de 2017 en Guilfrei. EP

Unha compañía aseguradora terá que abonar unha indemnización de 218.871 euros polos danos ocasionados no incendio que se declarou hai tres anos nun taller de reparación de maquinaria agrícola na parroquia de Guilfrei, en Becerreá.

O xulgado de primeira instancia e instrución número 1 becerrense acaba de estimar parcialmente a demanda que interpuxeron o titular do taller e os propietarios da maquinaria que estaba alí a reparar, entre os que figura o Concello As Nogais, representados polo letrado Óscar Fernández Agrelo.

O lume, qur tivo lugar o 14 de decembro de 2017, orixinouse por unha "causa accidental" debido a un "fallo mecánico" no motor dun dos tractores que estaban a arranxar neste taller de Guilfrei, segundo recorda a sentenza.

Foron pasto das chamas catro vehículos agrícolas, recambios, ferramentas e a propia nave, entre outros aveños. Ademais, no importe da indemnización fixada á multinacional Allianz inclúense as perdas polos meses nos que estivo a empresa sen actividade e a renda do aluguer temporal que realizou dunhas instalacións para poder renovala.

Desa cuantiosa indemnización, que ten que custear a aseguradora do tractor que orixinou o lume, 156.537 euros correspóndenlle ao dono do taller –a súa compañía de seguros xa lle compensou en parte–, 32.000 a unha gandería, 14.435 a un particular e 13.962 euros ao Concello das Nogais. A estes tres últimos foi pola maquinaria da súa propiedade que resultou calcinada no incendio.

NOVIDADE. Esta sentenza segue o novo criterio jurisprudencial da Unión Europea que establece que cando un vehículo se incendia, aínda que estea aparcado nun garaxe, equipárase coma se estivese en circulación, polo que o seu seguro obrigatorio ten que facer fronte ao custo dos danos que ocasione, como sucedeu neste caso de Guilfrei.

"Ha de estimarse que o estacionamento e o período de inmovilización do vehículo para o seu posterior desprazamento forman parte integrante da súa utilización como medio de transporte e o seu uso nese momento pode conceptuarse de feito da ciruclación", apunta este fallo.

A compañía condenada rexeitara a súa responsabilidade no sinistro e solicitado a desestimación da demanda.

Contra esta sentenza ditada polo xulgado de primeira instancia e instrución número 1 de Becerreá as partes poden presentar un recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Lugo.

Comentarios