As augas da memoria

Os fillos de José Álvarez Díaz, finado hai un ano e veciño da parroquia baleiresa de Córneas, recuperaron como homenaxe a súa querida fonte
Os familiares de José Álvarez Díaz que recuperaron a fonte. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Os familiares de José Álvarez Díaz que recuperaron a fonte. VICTORIA RODRÍGUEZ

A Fonte da Regueira é coñecida en toda a redonda. Na Rasela, na Fontecavada, na Pereira ou en Paradela. Pero ela, ela onde bota esa auga "branda", como a chama José Antonio Álvarez Mosteirín, é en Escanlar de Córneas, en Baleira. Moito lle gustaban a seu pai, José Álvarez Díaz, a auga e a fonte, que nunca secaba no verán e se mantiña ben abundante no inverno. Por iso, cando faleceu, en xaneiro do ano pasado, os seus fillos quixeron renderlle unha homenaxe, e arranxaron ese lugar.

"A iniciativa foi da miña irmá, Eva Álvarez, e da súa parella, Toño Pérez, que custearon todos os materiais, e tamén a man de obra para arranxala e para facer un banco de lousa para que a xente puidese pasar alí un ratiño", comenta José Álvarez. "A verdade é que fixeron un traballo marabilloso. Aínda que viven na cidade, gústalles ver que o pobo está ben arranxado e están moi implicados con el", comenta.

José Álvarez Mosteirín tamén contribuíu coa iluminación deste espazo. Calquera que agora se achegue á fonte pola noite verá como se acende a luz solar automática que instalou para facilitarlle a tarefa aos veciños. "É que por aquí pasa moita xente para coller auga, porque a aldea está na ruta que vai de Córneas ao Cádavo", comenta José.

Dedicación

Seu pai viviu alí toda a súa vida. Sempre co son próximo da fonte, sempre con tempo para limpala, sempre con ganas de arranxala, ata que faleceu. "O que nos dixo sempre foi que conservásemos o que tiñamos. Non que ampliásemos nada, pero si que conservásemos o que xa estaba feito", indica. E esa lección semella ben aprendida. Nas tres casas habitadas deste pobo no que xa pecharon dúas, a iniciativa recibiuse moi ben, pois o certo é que lle dá á zona un rostro máis coidadiño.

Que mellor memoria que a de manter o máis querido, tal e como o querían os que xa marcharon? Para José, esta rehabilitación é un xesto de memoria, de coidado pola herdanza que se recibe, aínda que, neste caso, sexa de toda a aldea. É imaxinar o contento que estaría o seu pai se vise que a Fonte da Rogueira ten agora tan bo escano, que segue a ser a mellor da rodeada, e que a auga mana branda, branda e lixeira, na súa memoria.

Comentarios