Arrancan as obras do museo dedicado a Forges na Fonsagrada

Os traballos do museo de Forges remataranse en setembro e contan cun orzamento de 250.000 euros
Dous operarios, nas instalacións do antigo consistorio fonsagradino. EP
photo_camera Dous operarios, nas instalacións do antigo consistorio fonsagradino. EP

O soño do museo dedicado ao viñetista Antonio Fraguas Forges na Fonsagrada está cada vez máis preto de converterse nunha realidade. O Concello vén de iniciar a primeira fase das obras para reconverter o antigo consistorio da vila na sede que albergará a obra do desaparecido artista, e que se prevé que estea rematada para o mes de setembro.

Os primeiros traballos consisten nos labores de retirada de cascallos para deixar despexadas unhas instalacións con máis dun século de historia, para posteriormente acondicionalas para a posta en marcha do museo. As actuacións contan cun presuposto total de 250.000 euros, financiados a través do plan de Recuperación do Goberno central, con fondos europeos.

O inmoble non só levará o nome de Forges, viñetista falecido no 2018 e que sempre estivo vencellado á que foi a terra natal do seu pai, senón que as dependencias acollerán —grazas á doazón desinteresada da súa viúva e os seus fillos— boa parte da obra do reputado artista gráfico.

A sala permanente que albergará o traballo de Forges estará situada na primeira planta do edificio. Polo que se refire á segunda, está prevista a instalación da oficina de atención turística e un salón de actos, xa que o actual "ten unha capacidade para 160 persoas e, ás veces, queda un pouco pequeno", afirma o rexedor Carlos López.

Este proxecto, que foi presentado hai pouco máis dun ano co gallo dunha homenaxe ao artista na vila, supoñerá un "enorme revulsivo desde o punto de vista turístico para A Fonsagrada", di López. "Agardamos que o interese pola colección de Forges sexa importante. O museo converterase nun aliciente que invite a visitar o noso municipio", explica.

No tocante a outras actuacións, o goberno local iniciará proximamente os trámites para cubrir unha das pistas de pádel situada nas inmediacións dos edificios escolares, que empregan na actualidade uns 100 usuarios.

Comentarios