O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, inspeccionou este venres as obras de mellora do consumo enerxético e de emisións contaminantes no colexio público da Fonsagrada, así como os traballos de restauración e accesibilidade executados na igrexa da localidade. Durante a súa visita estivo acompañado polo alcalde, Carlos López.
A reforma integral do colexio fonsagradino propiciou o aforro dun 45% no consumo de enerxía primaria non renovable e dun 47% nas emisións contaminantes de dióxido de carbono. A Consellería de Cultura e Educación investiu 915.000 euros no último ano nestas obras de rehabilitación enerxética e noutras melloras puntuais.
A Xunta destinou tamén 60.000 euros ás actuacións realizadas na igrexa de Santa María mediante un convenio entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Obispado de Lugo.
Os traballos incluíron o repintado do interior, o arranxo de portas e fiestras e a reparación dunha zona da cuberta para evitar os problemas de filtración de auga. Tamén se repuxeron os elementos de madeira de castiñeiro da escaleira de caracol que conducen á torre do campanario. Arias puxo de relevo que este espazo constitúe un recurso turístico do Camiño Primitivo e subliñou que a Xunta envórcase en iniciativas "que potencian a provincia de face ao Xacobeo".
VÍAS RURAIS. O Goberno galego impulsou a mellora das vías municipais que unen os núcleos de Meda, en Castroverde, e Orizón, en Castro de Rei. A Consellería de Presidencia, achegou 50.000 euros para o orzamento deste proxecto, cuxa contía ascendeu a 105.668.
Javier Arias visitou este venres a zona acompañado dos alcaldes de Castroverde, Xosé Maria Arias, e Castro de Rei, Francisco Balado. O delegado territorial explicou que, ao tratarse dunha iniciativa conxunta entre ambos os concellos, as obras recibiron a contía máxima prevista na convocatoria de axudas para a mellora de dotacións municipais. O arranxo beneficia a uns 150 habitantes.
En total pavimentáronse preto de tres quilómetros de vías, un 65% deles situados en Castroverde.