Miguel González, alcalde de Baralla: "Apenas fomos conscientes dos terremotos, pero mellor que descargue aos poucos"

O rexedor admite que os tres sismos deste luns "pasaron moi inadvertidos" na localidade
Miguel González, alcalde de Baralla. AEP
photo_camera Miguel González, alcalde de Baralla. AEP

Tres pequenos terremotos sacudiron este luns a localidade lucense de Baralla pero, aínda que un deses movementos sísmicos chegou a alcanzar case 3 graos na escala de Richter, o alcalde deste municipio, Miguel González, recoñeceu que os veciños apenas foron "conscientes".

"Ao ser tan leves, non se sentiron demasiado; de feito, non fomos conscientes. Pasaron moi inadvertidos", engadiu en declaracións a Efe.

En todo caso, ao rememorar outros movementos sísmicos que si provocaron danos no seu municipio, recoñece que "é mellor así", que a terra vaia descargando enerxía "como aos poucos".

"Que vaia liberando aos poucos, e non como antigamente, cando os terremotos subiron moito máis arriba" na escala de Richter, concluíu.

O primeiro deses movementos sísmicos foi rexistrado este luns ás 08:18 horas. O terremoto produciuse a 23 quilómetros de profundidade e alcanzou na superficie unha magnitude de 1,9 na escala de Richter.

Algo máis de dúas horas despois, concretamente ás 10:32, produciuse outro movemento sísmico, neste caso moito máis preto da superficie, a tan só dous quilómetros de profundidade. A magnitude dese terremoto chegou aos 2,9 graos na escala de Richter.

Para rematar, tan só 3 minutos despois, ás 10:35 horas, neste caso a 12 quilómetros de profundidade, rexistrouse outro movemento de terras. Chegou a alcanzar unha magnitude de 2,4 graos.

Comentarios