Anxo Eiriz foi recoñecido como o primeiro Fillo Adoptivo das Nogais

O pleno valorou as máis de catro décadas dun cura que foi dinamizador cultural do municipio
Jesús Núñez, rexedor das Nogais, facendo entrega da placa a Anxo Eiriz. EP
photo_camera Jesús Núñez, rexedor das Nogais, facendo entrega da placa a Anxo Eiriz. EP

Anxo Eiriz xa é Fillo Adoptivo das Nogais, un título que pon en papel o que xa estaba na boca da xente. Por iso, cando se xubilou no mes de xullo pasado, logo de máis de catro décadas como cura, o Concello non tardou en aprobar a ordenanza que a partir de agora rexerá a concesión de títulos honoríficos, que se estreou con el. "Non o tomo coma un recoñecemento, son eu o que estou agradecido a este pobo", dicía Eiriz, logo de serlle entregada unha placa pola corporación municipal.

E por que tanto quere a xente a Anxo Eiriz? Alén do seu labor pastoral, que o levou na primeira moto que viu o concello polas primeiras estradas a Torés, Viladicente, Quintá e Santo André -nas Nogais- e Agüeira e Morcelle -en Becerreá, Eiriz foi un impulsor cultural fundamental. O grupo de teatro, a escola de música municipal ou a Banda de Música das Nogais debéronlle a súa existencia.

Saxofón, clarinete, trompeta, gaita, bombo, frauta traveseira, violín... foron algúns dos instrumentos que lles aprendeu a tocar a ducias de mozos e mozas nas distintas aldeas, pois só se facían os ensaios finais nas Nogais. Que non había profesores? Pois entón espremía aquelas notas que el aprendera no Seminario. Que non había local? Pois entón a casa reitoral convertíase nun teatro, con escenario e cortina. Que non había medios? Inventábaos. E por nada disto chegou a cobrar nunca un peso.

"Era el mesmo quen escribía as obras que se interpretaban alí, nesa casa que sempre estaba ao dispor da veciñanza, aberta para todos", comentaba este venres o rexedor local, Jesús Núñez, que tamén recorda ver teatro nos baixos da reitoral.

"Os amigos cos que compartimos a música ou o teatro non os esquecemos. Se non hai amigos, tampouco hai banda", dicía Eiriz nunha entrevista para a TVG hai anos. E así, sempre loitou pola cultura coma un xeito de "estarmos xuntos", comentaba.

nunha imaxe. Se cadra a imaxe que mellor se axusta a Eiriz é a do cura que oficiaba a misa, tocaba o órgano na igrexa, e logo se sumaba como músico á procesión. Ou a do cura que, ao tempo, subía ao teito para colocar ben as lousas, ou impulsaba o recoñecemento do patrimonio. Antes de ser declarada Ben de Interese Cultural, Eiriz liderou a petición da rehabilitación da igrexa de Santo André das Nogais, a máis antiga das preto de 250 que coroan o ceo da comarca dos Ancares. Ou, se cadra, a do home que queimou dous Seat Panda polas estradas da Montaña, indo dun lugar a outro, sen descanso.

Docencia

Para moitos, Eiriz foi tamén docente. Dos varios centros da Montaña no que estivo, no IES de Becerreá foi onde botou máis tempo, e onde lle concederon o premio á promoción da lingua e cultura galegas na comarca dos Ancares no ano 2015, por iniciativa do equipo de dinamización lingüística do centro. Pois toda actividade que Anxo Eiriz promoveu, dende que chegou á Montaña no ano 1976, e ata que se xubilou no pasado mes de xuño, foi en galego. De feito, antigos alumnos oíron por primeira vez a un docente falar en galego con Anxo Eiriz, segundo indicaran, naquel momento, dende o centro educativo.

"Vou botar moito de menos á xente", dicía Eiriz, que agora volveu á súa Chantada natal. Xa en setembro recibira unha homenaxe da veciñanza, á que agora se suma esta distinción. El di que será difícil esquecer o tempo alí pasado, pero nas Nogais tamén o teñen claro.

Comentarios