Unha anciá cervantega leva sen teléfono nin teleasistencia semanas por unha avaría

Os familiares desta octoxenaria puxéronse en contacto en varias ocasións coa compañía, pero non obtiveron unha solución
Un teléfono fijo. PIXABAY
photo_camera Un teléfono fixo. PIXABAY

Unha octoxenaria dependente de Cervantes leva tres semanas sen teléfono nin teleasistencia, que depende desa mesma liña, por unha avaría que a empresa subministradora do servizo, Movistar, non emendou a pesar das reiteradas peticións desta familia.

O seu xenro, o naviego Manuel Gómez, explica que a muller, de 84 anos e residente na parroquia de Vilaspasantes, ten un grao de dependencia do 43 por cento e vive soa, polo que é vital que se restableza canto antes tanto o servizo de teléfono como o de teleasistencia, dos que carece desde o día 4 deste mes.

Aínda que tanto a familia como os veciños desta anciá están pendentes dela, o seu xenro recalca que non resulta suficiente esa atención porque, sen teléfono, ante calquera incidente doméstico, como unha caída na súa propia vivenda, a muller veríase desamparada ao necesitar dunha axuda que, de ter servizo, podería solicitar mediante o dispositivo de teleasistencia.

Os familiares desta octoxenaria puxéronse en contacto en varias ocasións coa compañía, tanto no número 1002 de mantemento como no 1004 de atención ao cliente, pero, tres semanas despois, a avaría -ao parecer, falla unha peza do repetidor- segue sen repararse.

Manuel Gómez explica que a súa sogra ten a telefonía rural por acceso celular (TRAC), como outros veciños da zona, e recalca que Movistar non os pode deixar "abandonados". Subliña, ademais, que están dispostos a adoptar outra tecnoloxía se esa é a solución para ter servizo, pero non entende que a muller estea a pagar pola liña telefónica e a teleasistencia e leve xa preto dun mes nesta situación de desamparo.

Comentarios