Un anaco de Galicia en Cornellà

O naviego Henrique Fernández-Mon creou hai 40 anos a asociación Rosalía de Castro, que desde Cataluña se encarga de difundir a cultura galega para a comunidade emigrante
2020071213322831638
photo_camera Henrique Fernández-Mon (dereita) con Francisco Fernández del Riego (abaixo) na Fundación Penzol. H.F.M
Cando o naviego Henrique Fernández-Mon tivo que deixar, na década dos setenta, a súa Navia natal para buscarse a vida en Cornellà (Barcelona), sempre soubo que non deixaría de lado Galicia. No ano 1980 creou a Asociación Cultural Galega (ACG) Rosalía de Castro, que agora celebra o seu corenta aniversario. A entidade xurdiu como "unha xuntanza de persoas de todos os estamentos, desde afiadores ata profesores" e foi un referente para moitas asociacións posteriores.

Henrique estudou Historia da Arte, pero un tío seu empeñouse en que tiña que ser estanqueiro, e esta foi a profesión que exerceu durante a súa vida laboral. Con todo, sempre compaxinou o seu traballo coa dirección da asociación.

O Baixo Llobregat, onde se asenta a ACG Rosalía de Castro, foi un destino habitual para os emigrantes galegos, entre eles moitos lucenses que, na segunda metade do século pasado, víronse obrigados a abandonar o seu fogar en busca dun futuro mellor. A entidade actuou sempre como un punto de encontro para os galegos da zona, que polo menos naquel espazo puideron sentirse coma na casa. De feito, segundo Henrique explica, a súa intención foi sempre «"hegar á comunidade galega". Ademais disto, tamén conseguiron crear uns lazos de unión co pobo catalán que aínda hoxe se manteñen.

Se ben a asociación leva corenta anos activa, Henrique confesa que nos seus inicios "non pensamos que fose durar tanto", sobre todo porque tiveron que facer fronte a algúns inconvenientes no plano económico. "Non tiñamos un can, poñiamos todo (os cartos) nós... Aínda non sei como o fixemos", confesa Fernández-Mon. O naviego foi nomeado presidente no ano 1985, e o seu obxectivo foi que a entidade se envorcase máis na cultura "e non só nas larpeiradas".

O labor cultural da ACG Rosalía de Castro non se adscribe a un único campo nin medio de transmisión. Desde hai 35 anos, por exemplo, emiten un programa radiofónico, Sempre en Galicia, polo cal pasaron figuras tan destacadas como Ana Kiro, o grupo Luar na Lubre, Paco Buyo ou Camilo José Cela. Este último foi, en opinión de Henrique, un dos personaxes máis particulares que entrevistaron. Foi el quen se tivo que poñer en contacto co escritor, e cando lle informou de que a entrevista ía ser vía radiofónica, respondeulle "nun galego pedrayesco" que estaba en roupa interior pero que daba igual porque "non se ía ver nada".

Outra das iniciativas máis destacadas da asociación é o Certame Poético Rosalía de Castro, que se celebra desde 1986. Por el pasaron figuras tan importantes da literatura galega coma Darío Xohán Cabana, Helena Villar Janeiro, Yolanda Castaño ou Rafa Vilar.

Pero o labor de difusión cultural da asociación non remata aquí. Desde a ACG Rosalía de Castro tamén organizan a Festa Galega do Can Mercader, durante a cal se fai unha ofrenda floral no busto da escritora que se atopa en Cornellà. Ademais, tamén teñen lugar verbenas e actuacións de grupos de danza tradicional.

Desde o colectivo sempre "trataron de ser plurais" tanto no ámbito cultural coma no político. Isto propiciou as visitas de figuras tan relevantes coma os presidentes autonómicos Xerardo Fernández Albor, Emilio Pérez Touriño, Pasqual Maragall ou José Montilla, o cal é socio de honra.

Desde hai unha década Henrique está xubilado e de volta en Galicia, pero o seu labor non rematou. Segue colaborando coa asociación no programa Sempre en Galicia e na revista anual Lúa Nova.

Ademais, tamén é o presidente da Ampa da escola de Navia e edita unha revista no centro. "Pedíronmo nada máis chegar", explica.

Este vínculo levouno a crear unha asociación cultural asentada na provincia. Se ben aínda está en fase de xestación, esta entidade de carácter filosófico e antropolóxico verá a luz proximamente e Henrique seguirá co seu labor de difusión da cultura.

Comentarios