O alcalde de Navia de Suarna denuncia que a Xunta "desmantela" a asistencia sanitaria 

O rexedor lucense afirma que a situación empeora co verán xa que o municipio "triplica a súa poboación"

José Fernández Fernández, alcalde de Navia de Suarna. XESÚS PONTE
photo_camera José Fernández Fernández, alcalde de Navia de Suarna. XESÚS PONTE

José Fernández, alcalde socialista de Navia de Suarna, acusa á Xunta de Galicia de "desmantelar" a sanidade pública suprimindo os servizos sanitarios. En concreto, denuncia que no municipio só haxa unha praza de médico cuberta, polo que o centro sanitario queda sen cobertura cada vez que hai unha visita a un domicilio. 

Os veciños, os "máximos prexudicados" segundo quixo recalcar, levan tres anos soportando esta situación, que empeora coa chegada do verán porque o municipio "triplica a súa poboación". 

Na montaña, a falta de facultativos é, se cabe, máis preocupante, porque hai un maior número de desprazamentos xa que a dispersión poboacional é maior e as vías de comunicación están cada vez en peor estado. Fernández insiste en que xa se fixeron reclamacións en varias ocasións para solucionar esta cuestión e asegura que a Xunta "non fai caso e pasa de todo". 

"O de non dotar de medios sanitarios foi unha escusa durante a época de crise porque non había diñeiro e agora que si o hai. Vemos que efectivamente todo eran desculpas porque seguen pasando da xente", di. 

Comentarios