O alcalde da Fonsagrada demanda un miniparque de bombeiros para a comarca

Este territorio está desprotexido ante os incendios en casas. O servizo atendería catro municipios en zona 'de sombra'
2020111217392931084
photo_camera Carlos López. EP

O alcalde da Fonsagrada, Carlos López, expresou este mércores a necesidade de crear un miniparque de bombeiros que atenda a catro concellos da zona ante o elevado tempo de traslado de efectivos de servizo desde as sedes máis próximas da actual rede provincial de parques. Carlos López precisou que tanto o municipio da Fonsagrada, como os de Negueira de Muñiz e Ribeira de Piquín, e en menor medida o de Baleira, "estamos desprotexidos cando se producen incendios en vivendas".

O parque de bombeiros de Sarria cobre gran parte do municipio fonsagradino, aínda que outras áreas, do mesmo xeito que no caso Negueira de Muñiz, son atendidas desde o parque de Barreiros. Os longos desprazamentos, que se prolongan aínda máis pola complicada orografía, superan con fartura a media hora en recibir atención, a partir da cal un territorio se considera zona de sombra.

O rexedor puxo como exemplo deste problema o incendio que afectou o martes a unha vivenda da parroquia de Vilardíaz, sufocado por dúas carrocetas e dúas brigadas municipais, así como por membros de Protección Civil da Fonsagrada, "ante a tardanza dos bombeiros de Sarria, que non só teñen que desprazarse ata a capitalidade, senón a aldeas moito máis afastadas".

Vecinos de Vilardíaz expresaron a súa preocupación por esta situación. "Os bombeiros tardaron dúas horas. Menos mal que as brigadas locais interviron rápido e evitaron que se propagase o lume", indicaron. Máis significativo foi o incendio acaecido o ano pasado nunha casa de Pena da Nogueira, en Negueira de Muñiz, que obrigou a intervir a bombeiros de Asturias ao estar máis cerca que os de Barreiros.

López confía en que a Xunta e a Deputación de Lugo, que asinaron un convenio para a xestión de parques comarcais na provincia, atendan esta solicitude da Fonsagrada co fin de mellorar a cobertura deste servizo.

Comentarios