A agresión dun futbolista a outro nun partido en Becerreá acaba no xulgado

A vista oral foi suspendida este mércores pola ausencia do árbitro
Juzgados de Lugo. ARCHIVO
photo_camera Xulgados de Lugo. ARQUIVO

Hai tres anos o equipo de fútbol de Paradela levaba os tres puntos en xogo na súa visita ao Becerreá e un dos seus xogadores media ducia de puntos no queixo tras recibir unha puñada dun contrario. Este mércores íase a celebrar a vista oral por esta agresión no xulgado do Penal número 2 de Lugo, pero tivo que suspenderse debido á ausencia como testemuña de quen repartira xustiza naquel encontro, o árbitro.

O 1 de marzo de 2018 medíanse no campo municipal de Becerreá o equipo local, daquela pechacancelas, contra o Paradela, líder entón da competición, nun partido correspondente ao Grupo Sur da Terceira Autonómica. No minuto 16 producíase un boureo entre futbolistas de ambos os equipos tras unha dura entrada. Cando un xogador do Paradela trataba ao parecer de tranquilizar os ánimos, un rival noqueouno dunha puñada.

O árbitro mostroulle cartón vermello ao agresor, polo que tivo que abandonar o terreo de xogo, do mesmo xeito que a vítima, que sufriu unha ferida no queixo, que precisou varios puntos de sutura.

O partido continuou. O Paradela soubo aproveitar esa superioridade numérica e fíxose cos tres puntos en xogo ao impoñerse por cero goles a dous.

Ademais de ser sancionado con 6 partidos pola Federación Galega de Fútbol, o agresor acabou este mércores no banco dos acusados. O fiscal solicita 1.620 euros de multa por un delito de lesións, que reintegre á Mutualidade de Futbolistas Españois os 395 euros abonados ao Sergas pola atención sanitaria á vítima e que indemnice a esta polas secuelas, importe que non cuantifica o ministerio público e que a acusación particular cifra en 9.166 euros atendendo ao informe forense.