Os acusados de simular un accidente de tráfico en Becerreá non contestan ao fiscal

Aseguran que chocaron pero a acusación alega que incorren en moitas contradicións e piden penas de 33 meses de cárcere

Los acusados por el choque de Becerreá, en la Audiencia Provincial. PV
photo_camera Os acusados polo choque de Becerreá, na Audiencia Provincial. P.V.

Os dous acusados de simular un accidente de tráfico en Becerreá para pedir unha indemnización de 60.000 euros á aseguradora -un home con iniciais M.A.S.C. e unha muller con identidade E.M.B.- negáronse este xoves a responder as preguntas das acusacións e o ministerio fiscal mantivo a petición de dous anos e nove meses de prisión para cada un por un delito de falsidade en documento mercantil en concurso medial con outro delito de estafa en grao de tentativa.

A acusación pública mantén que "en data non determinada, en todo caso anterior ao 11 de setembro de 2014", os dous acusados puxéronse de acordo para asinar unha declaración amigable dun accidente "que non se produciu" entre o Audi de M.A.S.C. e un Peugeot propiedade de E.M.B. Na declaración amigable que confeccionaron facían constar que o suposto contratempo -unha colisión por alcance lateral do Audi ao Peugeot- rexistrouse sobre as oito e media da mañá nun viario secundario entre as localidades do Cereixal e Luxas.

O ministerio fiscal mantén igualmente que en outubro de 2014, E.M.B, "co común acordo" de MA.S.C. e "con ánimo de lucro", interpuxo unha denuncia no xulgado de Instrución de Becerreá contra a aseguradora do outro procesado polas lesións supostamente sufridas no accidente. Reclamaba 57.787 euros polas feridas e secuelas e 1.103 polos danos no seu coche. O fiscal di que non logrou os seus propósitos porque a compañía de seguros interpuxo unha denuncia pola vía penal.

Os acusados mantiveron este xoves a súa inocencia e os letrados da defensa insistiron en que o accidente se produciu tal e como manifestaron os implicados. Con todo, un detective privado que investigou o suceso explicou que, nun primeiro momento, o acusado sinalou que non coñecía de nada á condutora do outro vehículo, "pero descubrimos que eran veciños e que ademais ela traballaba coidando aos nenos e facendo a limpeza en casa del", dixo. Ademais, a muller fixo constar nos trámites do accidente un domicilio supostamente falso, ou en todo caso distinto do que constaba na súa documentación.

Na vista oral -que se celebrou este xoves na Audiencia Provincial de Lugo- tamén prestou declaración unha forense, quen concluíu que non se podía establecer "un nexo causal" entre as lesións que refería a acusada e o accidente que relataban. En canto ás declaracións dos peritos, solicitados polas partes, ofreceron interpretacións diferentes dos feitos.

Tras escoitar o relato e os argumentos de acusacións e defensas, o xuízo quedou visto para sentenza.

Comentarios