A Xunta acusa o alcalde da Fonsagrada de desmantelar as urxencias na Montaña

Sae ao paso da acusación do rexedor de Negueira de Muñiz tras o incendio dunha vivenda

José Manuel Balseiro.
photo_camera José Manuel Balseiro.

A Delegación Territorial da Xunta saíu ao paso das declaracións realizadas polo alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña, quen dixo que A Montaña de Lugo non está preparada para sucesos como o incendio que calcinou esta semana unha casa nese municipio e culpou ao rexedor da Fonsagrada, Argelio Fernández, de desmantelar "o servizo de urxencias" na comarca.

Mediante un comunicado, a Xunta de Galicia recorda que "o desmantelamento do servizo de urxencias na Montaña de Lugo foi unha decisión política do alcalde da Fonsagrada, que unilateralmente suprimiu o Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES)" que tiña a súa sede nese concello.

O Goberno galego recorda que a situación que se produciu no incendio de Pena da Nogueira veu "provocada polo desmantelamento do GES con sede na Fonsagrada e que incluía dentro do seu ámbito de actividade o municipio de Negueira de Muñiz".

"A supresión dese servizo foi unha decisión política, moi cuestionable, do actual alcalde en funcións da Fonsagrada, Argelio Fernández", engade.

Por iso, a Xunta lamenta que "naquel momento decidise unilateralmente desmantelar o GES, un grupo moi valorado como unidade de primeira intervención", só porque lle deu "prioridade ao conflito laboral que mantiña cos seus traballadores" e a razóns "de aforro", sobre "o correcto funcionamento do servizo de urxencias na zona".

"Tampouco consta que o alcalde de Negueira manifestase oposición algunha á decisión de suprimir ese GES ou criticase o paso dado polo seu compañeiro de partido", engade a Xunta, polo que "non está moi lexitimado para queixarse agora por unha situación que, no seu momento, consentiu".

Comentarios