"Marchaba xente a feixes cara a Barcelona"

Preto de medio milleiro de persoas uníronse á festa en honra aos emigrantes celebrada en Navia de Suarna. No evento entregáronse tamén os premios Alecrín 2018 e homenaxeouse aos emprendedores locais

"Aquí aprendín eu a dicir 'mai', 'irmau', 'ríu', 'pantalois', 'truita' ou 'trutia'. Ai, as truitas!, ai, as androllas!". Con estas palabras de agarimo a Navia de Suarna, pronunciadas en galego "naviego" por Toño Núñez, este escritor do municipio agradeceu o premio Alecrín que lle concedeu a Federación de Entidades Culturais Galegas en Cataluña (Fegalcat).

Como el, outras 13 persoas ou entidades vinculadas á Montaña luguesa recibiron este xoves un galardón que recoñecía o seu labor profesional. Lucía Pérez, Embutidos Suarna ou El Progreso foron algúns dos condecorados.

O acto de entrega de premios enmarcouse nun encontro de galegos emigrados organizado pola federación. Unhas 500 persoas asistiron ao evento, cuxo eixo central foi unha comida de confraternidade e a inauguración dun monólito que homenaxea a quen, tras emigrar, impulsaron negocios en terras catalás.

As palabras de gratitude e afecto estiveron presentes durante toda a mañá no espazo das Veigas. Música, recordos e gastronomía entrelazáronse nun día marcado polos reencontros. O máis importante: o dos galegos na diáspora no seu retorno á "terriña".

Inaugurouse un monólito en homenaxe a persoas da Montaña luguesa que emprenderon negocios en terras catalás

"Calquera aldea deste municipio ten representantes na emigración. Eles son os mellores embaixadores do concello", expresou o alcalde de Navia, José Fernández. "A Alta Montaña luguesa é unha das zonas das que máis emigrantes hai en Cataluña", confirmou Domingo Balboa, presidente de Fegalcat.

Esta federación reúne preto de vinte entidades galegas en Cataluña. Os presidentes dalgunhas delas participaron tamén na entrega dos premios Alecrín.

No discurso de recepción do galardón, Toño Núñez, autor de libros como Navia Nai ou O monstro dos Ancares, incidiu en que "Navia e os concellos veciños padeceron especialmente a emigración. Marchaba xente a feixes cara a Barcelona. Proba disto é este encontro".

Lucía Pérez —que cantou un anaco de Alalá das Mariñas para expresar o seu agradecemento—, o exalcalde lucense José López Orozco, o empresario Loureiro ou o párroco de Rao tamén aseguraron sentirse honrados ao recibir ese premio da federación.

Na categoría de prensa, o galardón estivo dedicado ao diario El Progreso, "o máis representativo de Lugo", segundo asegurou o presentador do acto. A subdirectora do xornal, Isabel González Araújo, agradeceu o premio e recordou que, ademais, "coincide co 110º aniversario do xornal".

Houbo lugar tamén para as reivindicacións. "É certo que os galegos emigrados defenden a súa terra contra vento e marea, pero é mester que cando volvan apoien os negocios locais e que axuden a manter o pobo unido e vivo". Así o puxo de manifesto outro dos homenaxeados, o emprendedor berciano do restaurante Prada a Tope.

Ademais dos xa mencionados, tamén se premiou a Oliver Laxe, director de cine; o acordeonista 'O Coea'; Vanessa Fernández, que realizou un proxecto académico sobre Os Ancares; Ernesto Lagarón, exmembro do Consello de Igualdade; Manuel Santín, Fillo Predilecto de Cervantes; e Manuel Carrete, asesor de emigración na Deputación de Ourense.

HOMENAXE E FESTA. Xusto antes da entrega dos Alecríns, descubriuse a placa do monólito dedicado aos emprendedores locais na comunidade catalá. Fegalcat quixo deixar constancia do esforzo de todas esas persoas que "empezaron de cero", a maioría na cidade condal.

Pola tarde, o público asistente —moi animado xa na sesión vermú—- puido gozar de festa "rachada" nunha contorna inmellorable, a beiras do Río Navia.

O deste xoves foi un día de celebración na que a morriña estivo moi presente. Galicia recuperou así o seu anaco —nunca do todo perdido— en Cataluña.

Comentarios