A zona antiga de Celeiro optará a ser área de rehabilitación integral

O Concello prepara a solicitude á Xunta co obxectivo de conservar as casas mariñeiras, para o que habería axudas
Una calle de Celeiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Unha rúa de Celeiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A intención de conservar o centro histórico e as vivendas de tipoloxía mariñeira de Celeiro levou ao goberno local vivariense a pedir á Xunta a declaración da zona antiga desta localidade como Área de Rehabilitación Integral (Ari).

Así o trasladou a alcaldesa, María Loureiro, tras unha reunión co director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, e con técnicos das dúas administracións. "Celeiro é unha vila mariñeira, ten o seu centro histórico tamén, e a intención é conservalo. Tamén vemos que hai casas deterioradas e entón queriamos metelo dentro da área de rehabilitación para que tivesen as mesmas posibilidades que os veciños do casco", explica a rexedora, posto que ao amparo desta figura poderíanse tramitar axudas para intervir en edificios de titularidade privada que se atopen en mal estado e tamén levar a cabo actuacións de urbanización "e reurbanización".

O goberno local iniciará agora o estudo para solicitar formalmente esta declaración. "Foi unha reunión bastante construtiva, déronnos luz verde e estamos a traballar niso", indica Loureiro, que tamén prevé solicitar, neste caso para a cidade vivariense, a declaración de Área Rexurbe no seu conxunto histórico co mesmo obxectivo de preservar o patrimonio e levar a cabo actuacións encamiñadas á mellora tanto das construcións como dos espazos públicos.

Comentarios