Zan: "Parece que o Goberno está máis interesado en que non haxa operación"

"¿Que garantías temos entón de que vai haber un comprador solvente e fiable?", pregúntase o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao
José Antonio Zan. EMILIO PÉREZ (EFE)
photo_camera José Antonio Zan. EMILIO PÉREZ (EFE)

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, volveu a instar á Sepi e ao Goberno de España a que fagan "o que lle prometeron a todo o mundo", que era a participación da sociedade pública na operación de venda da fábrica de aluminio primario, coa adquisición da factoría para o seu posterior traspaso a un comprador industrial. 

En declaracións a EFE, dixo que se lles encheu a boca dicindo que ían intervir a empresa, que ía facerse a operación, pero parece que agora están máis interesados en que non haxa operación". 

O próximo día 30 de xuño producirase outra reunión da mesa de seguimento, convocada por Alcoa para informar as novidades na negociación, un encontro no que volverán participar representantes da Xunta de Galicia, do Goberno de España, da Sepi, do comité de empresa e dos sindicatos. 

Con respecto á reunión solicitada polo comité de empresa coa ministra de Industria, Zan confirmou que "de momento non hai noticias do Goberno". 

O presidente do comité ten claro que "se a Sepi non entra a comprar a fábrica e logo decide quen é o comprador industrial, pouco vai poder influír", dado que a decisión corresponderalle a Alcoa. 

"¿Que garantías temos entón de que vai haber un comprador solvente e fiable?", pregúntase Zan, que pide que se garanta a produción da fábrica e o mantemento dos postos de traballo. 

"Pedímoslle á Sepi que faga o seu traballo. Ten grandes profesionais que poden avaliar cal é o mellor proxecto, non só para esta fábrica, senón para todo o sector do aluminio en España", concluíu. 

Os traballadores de Alcoa volverán manifestarse este domingo polas rúas de Lugo. Partirán ás doce do mediodía da Rolda dá Muralla, fronte á Delegación Territorial da Xunta de Galia, para terminar ante a Subdelegación do Goberno, na Praza de Armanyá. 
 

Comentarios