A Xunta ve "insuficiente" a proposta de estatuto electrointensivo do Goberno

Conde: "Con menos diñeiro e máis empresas é moi difícil que as firmas que máis necesitan esta axuda como Alcoa poidan gozar dun prezo competitivo"
Líneas eléctricas en Alcoa. J.Mª ÁLVEZ
photo_camera Liñas eléctricas en Alcoa. J.Mª ÁLVEZ

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde, criticou este martes que o borrador do estatuto para o consumidor electrointensivo teña unha menor "dotación económica" e máis beneficiarios que en 2017, polo que dubidou de que "poida dar resposta" ás empresas que consomen máis enerxía.

Así se pronunciou Conde en declaracións aos xornalistas este martes na Coruña antes de participar na presentación do informe Retos e perspectivas de investimento en Galicia para 2020. "Temos unha dotación económica que é a metade do que tiñamos en 2017, con máis beneficiarios", insistiu o conselleiro en alusión ao borrador.

O estatuto electrointensivo beneficiará a unhas 600 industrias con alto consumo eléctrico, ás que se bonificará nun 85 % os cargos da súa factura, o que lles suporá un aforro conxunto duns 90 millóns que, sumados ás compensacións por custos de CO2 (172 millóns o pasado ano), elevarán a máis de 262 millóns o apoio a estas industrias.

Segundo Conde, con menos "diñeiro e máis empresas" é "moi difícil que as empresas que máis necesitan esta axuda como Alcoa San Cibrao poidan gozar dun prezo competitivo".

Por iso, solicitou ao Goberno central que non traslade "operacións estéticas" e que ofreza "solucións e medidas que poidan dar esa resposta" aos consumidores de enerxía. "O Goberno obviar todas as propostas que desde a Xunta de Galicia trasladámoslle precisamente para poder establecer medidas que permitan un prezo competitivo", afeou o titular de Economía tras coñecer o borrador.

Así, asegurou que non se incluíu "ningunha das medidas que neste momento poderían atisbar un halo de esperanza aos traballadores de Alcoa San Cibrao, de  Ferroatlántica ou de Sabón".

BALSEIRO. Nunha liña similar, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, asegurou que a proposta de estatuto para regular o funcionamento das industrias electrointensivas é "insuficiente" e "non dá unha solución real ao problema" que lastra o futuro de Alcoa na Mariña, que é o prezo da enerxía eléctrica.

En declaracións a Efe, Balseiro recordou que o Goberno "leva máis dun ano para aprobar o estatuto para os consumidores electrointensivos" e aínda "non hai data definitiva para a súa aprobación por parte do Consello de Ministros".

En todo caso, Balseiro afirmou que "se o Goberno quere pechar a industria electrointensiva galega, con este estatuto vai na dirección correcta, dado que comunidades como Cataluña ou o País Vasco saen máis favorecidas que Galicia".

De feito, asegurou que "as propostas galegas, como a creación da figura dos consumidores hiperelectrointensivos, non foron tidas en conta" e, dese modo, pasouse de 119 "posibles beneficiarios" das axudas a 276 "no borrador e a 600 na actual" proposta de estatuto, dos que "só 31 están en Galicia".

Comentarios