Xunta e sindicatos pedirán a reactivación da mesa industrial de Alcoa

"Temos que traballar conxuntamente cun obxectivo común: garantir a continuidade dos postos de traballo e da única fábrica de aluminio de España", asegurou o conselleiro de Economía da Xunta
Feijóo y Conde, reunidos este jueves con el comité de empresa de Alcoa en San Cibrao. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Feijóo e Conde, reunidos este xoves co comité de empresa de Alcoa en San Cibrao. PEPE FERRÍN (AGN)

A Xunta de Galicia e o comité de empresa de Alcoa San Cibrao acordaron este xoves pedirlle ao Goberno central a reactivación da mesa industrial cos ministerios de Industria e Transición Ecolóxica co obxectivo de ter un prezo eléctrico competitivo e de coñecer o contido do estatuto do consumidor electrointensivo.

"Temos que traballar conxuntamente cun obxectivo común: garantir a continuidade dos postos de traballo e da única fábrica de aluminio de España", asegurou o conselleiro de Economía da Xunta, Francisco Conde, tras manter unha reunión co comité de empresa de Alcoa San Cibrao xunto ao presidente do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo.

Conde insistiu en que "non hai ningún tipo de motivo desde o punto de vista da situación do Goberno central" para que non se convoque esta mesa de traballo, na que espera que se presente o contido do borrador do estatuto "para avaliar, traballar sobre el e identificar que prezo eléctrico garantiría a viabilidade de Alcoa San Cibrao".

O presidente do comité de empresa, Xosé Paleo, sinalou que o presidente de Alcoa en España expresoulles tanto a el como a Núñez Feijóo a súa vontade de manter a actividade en San Cibrao, polo que entende "que o problema, o atasco fundamental, é o prezo da enerxía, polo que temos que solucionalo".

Paleo recordou que ao longo do verán a factoría lucense baixou a súa intensidade de 167.000 a 160.000 amperios, o que supón un 5% da produción que, sumado á parada de 32 das 512 cubas de electrólises, suma unha baixada do 11 %, "o que nos achega un pouco máis ao abismo, como as plantas da Coruña e Avilés".

"Alcoa non pode traballar sen electricidade, dependemos por completo dos vaivéns do mercado da enerxía e agora mesmo o prezo en España é un 50% máis caro que noutros países da UE", denunciou o presidente do comité de empresa, quen sostén que este problema "vén arrastrando e é o culpable do que pasou na Coruña e Avilés".

Neste sentido, Paleo recordou que a venda destas dúas plantas a Parter "non solucionou o problema, só ampliou a agonía outros dous anos", polo que o seu futuro, do mesmo xeito que o de Alcoa San Cibrao, "dependerá de que se lle dea un prezo da enerxía competitivo".

"Tamén lle pedimos ao Goberno que, cando se consiga ese prezo, se acorden de pedir á industria que se acolla a el que presente un plan de garantías de emprego e de investimentos, non vaia ser que esteamos a lle facilitar unha solución para que unha multinacional siga aquí para que despois marche e deixe a fábrica feita unha chatarra", concluíu.

En paralelo, o conselleiro de Economía esixiu ao Executivo central "que cumpra coa súa promesa" de aprobar o estatuto do consumidor electrointensivo incorporando as alegacións que presentou o Goberno galego o pasado mes de xaneiro.

"Tamén lle pedimos que amplíe de 90 a 200 millóns de euros a compensación dos gastos indirectos de CO2; a solución está nas mans do Executivo de Pedro Sánchez e de que reaccione dependerá o futuro non só de Alcoa San Cibrao, senón o do conxunto da industria electrointensiva, do que dependen 5.000 familias en Galicia", resolveu. 

Comentarios