A Xunta pide a Alcoa que se aveña a negociar a venda a Liberty

Conde mantivo unha reunión cos máximos representantes deste grupo investidor
Francisco Conde. CABALAR (Efe)
photo_camera Francisco Conde. CABALAR (EFE)

O conselleiro de Emprego, Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, pediu este luns a Alcoa que retire o Expediente de Regulación de Emprego (Ere) que pende sobre máis de 500 traballadores e se avenga a negociar co grupo Liberty House Group a venda das súas instalacións de San Cibrao. 

Tras manter unha reunión cos "máximos representantes" deste grupo investidor e industrial, dixo Francisco Conde, constatouse que "hai unha solución para Alcoa, unha solución posible, industrial". 

Un deses máximos representantes foi Arnaud de Weert, xefe de Operacións do conglomerado británico, e que esta tarde prevé reunirse cos sindicatos para explicar o plan da súa empresa. 

Os representantes deste grupo industrial declinaron facer declaracións á prensa.  Segundo publicou este luns El Confidencial, o máximo dirixente do grupo Liberty House Group, Sanjeev Gupta enviou unha carta o fin de semana ao seu homólogo na compañía americana, Roy C. Harvey, na que mostraría a súa disposición de chegar a un principio acordo de compra e de facelo efectivo, previa due diligence, nun prazo de catro a seis semanas. 

Incluso, segundo El Confidencial, na carta os directivos de Liberty estarían dispostos a facerse coa planta de aluminio unicamente, para a que está exposto o Ere, aínda que a súa intención sería quedar tamén coa de alúmina. 

Unha vez que se constou a existencia dun investidor industrial, indicou o representante do Goberno galego, constátase que hai "unha nova realidade", polo que instou a Alcoa a retirar o Ere, cuxa aceptación depende en última instancia da Xunta. 

Deste xeito, segundo Conde, habería un tempo para facer a efectiva a operación de compra venda con Liberty, no caso de que chegase a bo porto. 

"Por iso facemos de novo a advertencia a Alcoa de que, á luz da información e do plan industrial que nos transmitiu Liberty, se poida retirar este Ere e Alcoa poida avenirse a unha solución ordenada e industrial que garanta o mantemento de emprego", dixo. 

O conselleiro emprazou, ademais, ao Goberno a que "se some á senda do acordo" e convoque a Mesa multilateral para analizar "as necesidades" do plan industrial presentado por Liberty. 

"Esas necesidades están vinculadas ao marco enerxético", recoñeceu Francisco Conde, que pediu ao Executivo de Pedro Sánchez "un compromiso efectivo" cun marco eléctrico que debe dar viabilidade ao plan industrial deste potencial investidor. 

Comentarios