A Xunta licita melloras na residencia de Burela por máis de 190.000 euros

A Consellería do Mar actualizou a iluminación do porto do Vicedo
Residencia de Burela. ARCHIVO
photo_camera Residencia de Burela. ARQUIVO

A Xunta anunciou dúas obras destacadas en diferentes instalacións da comarca mariñá que son de distintos departamentos como, por exemplo, unha serie de obras na residencia de maiores de Burela ás que destinará máis de 190.000 euros.

En concreto, segundo fontes do Goberno autonómico, na residencia burelense a actuación prevista "servirá para a substitución e instalación de carpinterías exteriores e novas ventás nas habitacións das catro plantas do centro".

Este procedemento determina os requisitos técnicos que deberán cumprir as empresas interesadas e que poden presentar ofertas antes do día 19 de xaneiro. A renovación da carpintería e as fiestras "permitirá mellorar o illamento térmico do centro, o que redundará tamén na súa eficiencia enerxética".

O VICEDO. No caso do Vicedo, a Consellería do Mar acaba de finalizar as obras de mellora de iluminación do porto da localidade, que supuxeron a introdución de máis puntos de luz con tecnoloxía led, "un modelo que incrementa o rendemento lumínico e a eficiencia no gasto enerxético", segundo indicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen visitou o porto compañado do alcalde, Jesús Novo, e explicou que "esta actuación achega maior seguridade tanto para o acceso peonil e rodado como para a circulación dentro da dársena".

A consellería investiu preto de 20.000 euros no proxecto "para dar resposta á solicitude formulada tanto pola Confraría de pescadores do Vicedo como polos propios usuarios do porto. As obras, executáronse a través de Portos de Galicia".

Comentarios