A Xunta insiste en que non hai "obstáculos insalvables" entre Alcoa e Liberty

A CIG insta a Alcoa a abandonar "a vía do peche" mentres que o PSOE cualifica a actitude da firma como "empresarialmente inxustificable"
Trabajadores de Alcoa en una protesta realizada.JOSÉ MªÁLVEZ
photo_camera Traballadores de Alcoa nunha protesta realizada.JOSÉ MªÁLVEZ

A Xunta de Galicia insistiu ante Alcoa en que "non existe ningún obstáculo insalvable" para avanzar na a venda a Liberty da planta de San Cibrao 

Fíxoo nunha nova reunión da mesa de seguimento na que apelou ao "achegamento de posturas" nunha negociación que leva días encallada en varios puntos nos que discrepan as partes, como o da duración do contrato relativo á alúmina. 

"Do nivel de implicación de todas as partes dependerá que se alcance este obxectivo", destaca a Consellería de Economía a través dunha valoración remitida aos medios de comunicación ao termo do encontro. 

A xuízo do departamento de Francisco Conde, "é preciso respectar as negociacións entre empresas, pero Alcoa debe ser consciente de que debe achegar posicións con Liberty para formalizar o acordo de compravenda, buscando puntos de encontro e arranxando as cuestións que dificultan o peche da operación". 

Así as cousas, a consellería volveu a mostrar o seu "compromiso de colaborar, da man do Goberno central, para pór sobre a mesa os mecanismos de financiamento cos que conta para permitir que Liberty House poida desenvolver o seu plan industrial". 

"O único obxectivo de Alcoa é consumir este tempo de prórroga para prefabricar unha exculpación polo fracaso das negociacións"

Ao tempo, insiste en que considera "preciso que o Goberno tamén avance na aprobación de medidas necesarias para garantir un marco enerxético estable e competitivo para toda a industria electrointensiva galega e os 5.000 empregos asociados".

CIG. Pola súa banda, a CIG, a través dunha nota de prensa, insta a Alcoa a "abandonar a vía do peche" e a desbloquear "as negociacións" para garantir a continuidade industrial. 

Na reunión telemática da mesa multilateral sobre o proceso de venda, o secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, recordou á multinacional que o 13 de agosto "todas as partes aceptaron traballar na proposta de mediación feita polas administracións española e galega para alcanzar unha solución". 

En opinión de Carril, "o paso dos días demostra que o único obxectivo de Alcoa é consumir este tempo de prórroga para prefabricar unha exculpación polo fracaso das negociacións", pois "está a pór obstáculos imposibles" e advirte de que para que a operación vaia adiante "necesítase unha vontade de vender que parece que non ten". 

"Non imos consentir que se traslade un posible fracaso das negociacións á mesa laboral ou que se queira precipitar todo á mesa negociadora do ERE o próximo 28 de setembro", conclúe.

"NON HAI ESCUSAS", DI O PSOE. Por outra banda, tamén mediante un comunicado, a secretaria provincial e deputada do PSDEG Patricia Otero avisou de que "non hai escusas para Alcoa" antes de cualificar a súa actitude como "empresarialmente inxustificable e moralmente intolerable". 

E é que, segundo recordou a socialista, a multinacional propietaria da planta da Mariña "recibiu centos de millóns de euros" durante os últimos anos.

MOVILIZACIÓN EN MONDOÑEDO. Pola súa banda, os traballadores volven mobilizarse este venres, nesta ocasión en Mondoñedo, onde convocaron unha manifestación con carácter familiar e en horario nocturno. 

Comentarios