A Xunta garante que haberá O Naseiro en Viveiro, aínda que sen o descenso do río

Os romeiros non poderán pasar a noite nunha franxa de cen metros desde a canle polo risco de inundación

Descenso del río Landro en O Naseiro. EP
photo_camera Descenso do río Landro no Naseiro. EP

Unha reunión entre a comisión do Naseiro e representantes da Xunta en Lugo disipou as dúbidas sobre a continuidade da romaría viveirense, que poderá celebrarse aínda que cunha franxa de seguridade de cen metros na que non se poderá acampar e coa prohibición de celebrar o tradicional descenso humorístico do río Landro.

Segundo traslada a Xunta nun comunicado a comisión comprométese a respectar a "zona de protección considerada de fluxo preferente" delimitada por unha franxa de cen metros contiguos ao leito fluvial nos que non se poderán instalar casetas nin tendas para pasar a noite. Nesa zona, afirman, "pode concentrarse a auga do río en caso de enchente".

Así mesmo a Xunta di que non poderá celebrarse o descenso do río para evitar a alteración dos recursos naturais do leito e recorda que este espazo está incluído na Rede Natura 2000.

Xunta e comisión organizadora tamén acordaron reforzar os sistemas de información e advertencia sobre as actividades permitidas e prohibidas na zona, así como facer un seguimento das condicións meteorolóxicas para garantir a seguridade, sobre todo se existe risco de choivas torrenciais como as que hai dous anos alagaron o campo.

Finalmente a Xunta di ao Concello de Viveiro que toda a tramitación sería "moito máis sinxela" se elaborase o plan de urxencias por inundación que a administración autonómica reclamou ao local hai máis dun ano.

Comentarios