A Xunta enviará este venres un requirimento a Alcoa para parar o ERE en San Cibrao

O presidente do comité de empresa afirmou que non ten sentido manter o período de consultas "co cambio substancial pola posible entrada dun novo investidor interesado na fábrica"
Instalaciones de Alcoa, en San Cibrao. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Instalacións de Alcoa, en San Cibrao. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Logo de máis de dúas horas de reunión na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, os representantes do comité de empresa e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, chegou a un acordo para solicitar formalmente a paralización do ERE en Alcoa San Cibrao.

De feito, a Xunta de Galicia, como autoridade laboral e dado que cambiou o escenario co interese dun investidor por comprar o complexo de San Cibrao, enviará este venres un requirimento a Alcoa para pedirlle a paralización dese ERE que podería deixar na rúa a máis de cincocentos traballadores.

"Unha valoración boa. Chegamos a un acordo para reclamar e para buscar unha ampliación do período de consultas ou para a paralización do mesmo, xa que non ten sentido mantelo co cambio substancial que se produciu nas últimas datas, sobre todo coa posible entrada dun novo investidor interesado na fábrica", dixo o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan.

O presidente do comité recordou que os traballadores xa solicitaran na mesa multilateral a paralización do ERE, pero "agora a Xunta de Galicia vai revisar toda a documentación e, segundo vexan eles, farán a solicitude que estimen oportuna". "En teoría con todo o que lles presentamos teñen bastante para pedir unha paralización temporal ou definitiva do ERE", dixo Zan.


Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, anunciou que a Xunta de Galicia enviaralle a mañá do venres un requirimento a Alcoa, como "autoridade laboral", para solicitar a paralización do ERE.


Asegurou que a Xunta de Galicia non vai permitir "que se paren as cubas" de electrolisis na planta de San Cibrao e espera "transparencia" por parte do Goberno de España no relativo a unha posible operación de venda, así como que traballe para fixar ese prezo competitivo da enerxía que determinaría a viabilidade da produción de aluminio primario na Mariña.

Comentarios