A Xunta di que o PSOE se está "durmindo nos loureiros" con Alcoa

Balseiro lamenta que o Goberno "nin sequera" presente un borrador do estatuto electrointensivo
José Manuel Balseiro, delegado de la Xunta en Lugo. AEP
photo_camera José Manuel Balseiro, delegado da Xunta en Lugo. AEP

O delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, lamentou que o Goberno de España estea a durmirse "nos loureiros" no que se refire á procura dunha solución para garantir os postos de traballo na fábrica de Alcoa na Mariña, e que pasa por conseguir un prezo competitivo para a subministración eléctrica.

Balseiro recordou que o Goberno socialista nin sequera presentou "un borrador" do estatuto que regulará as condicións das empresas electrointensivas e aínda que existe comprador para a planta de Alcoa na Coruña, o executivo non precisa que esa factoría, probablemente, "nunca volverá producir aluminio", o que deixa aos traballadores nunha situación "difícil".

En canto ao futuro de Alcoa na Mariña, recordou que a fábrica ten nestes momentos 32 cubas paradas e a rebaixa na produción achégase ao 10%, polo que calquera pode deducir que "se non hai unha solución", esa situación "pode repercutir no emprego".

Segundo Balseiro, "esa situación de peche de cubas nunca se deu" na planta de Cervo, polo que os socialistas "non poden dicir que non pasa nada".

Ao seu xuízo, o argumento de que o Goberno "está en funcións" non é crible para xustificar esa parálise, porque si pode tomar decisións e "si pode aprobar reais decretos, porque o fixo moitas veces nesta lexislatura".

Comentarios