A Xunta destaca que o albergue do Vilar en Mondoñedo admitirá a hospedaxe de animais

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou que a hospedaxe conta con todos "os servizos necesarios"

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou este martes o compromiso dos promotores do conxunto etnográfico do Vilar, en Mondoñedo, co benestar e a protección dos animais de compañía, xa que o albergue da natureza permitirá o aloxamento de mascotas.

Así o indicou Vázquez na inauguración deste proxecto, no que o seu departamento colaborou cun orzamento de 18.000 euros, o que permitiu que o albergue conte con todos "os servizos necesarios", como cociña, comedor, baños, servizo de lavadora e secadora, entre outros, así como unha aula da natureza, "desde a que pór en valor a Ruta Arqueolóxica de Mondoñedo" á que no futuro, segundo as previsións da administración local, prevese completar cun Centro de Recepción de BTT para actividades en bicicleta de montaña.

Tal como indicou o Goberno galego nun comunicado, a conselleira recordou que este albergue atópase nun enclave natural "único e privilexiado" na contorna do Camiño do Norte, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco, así como aos pés da Serra do Xistral.

Ángeles Vázquez subliñou que este novo espazo será utilizado para a realización de actividades públicas de divulgación ou educación ambiental e terá un uso recreativo baseado na valoración do medio natural como é o caso do turismo de natureza.

PREHISTORIA. Tamén a deputada de Economía, Recadación, Facenda e Contas da Deputación de Lugo, Mayra García, participou este martes na inauguración do conxunto etnográfico da aldea do Vilar, onde indicou que o ente provincial colaborou promovendo "diversas axudas" que contribuíron á creación do Centro de Interpretación da Prehistoria, así como á recuperación deste núcleo.

A Aldea do Vilar está composta por un albergue da natureza, que inclúe varias vivendas que foron rehabilitadas e conta con 54 prazas, segundo explicou a Deputación de Lugo. Ademais, conta co Centro da Prehistoria. Este proxecto de recuperación, que amplía a oferta cultural e turística da localidade, comezou en 2003, cando dúas familias de Mondoñedo cederon este espazo ao concello.

Pola súa banda, a alcaldesa, Elena Candia, puxo en valor que o conxunto etnográfico do Vilar "contribúe a desenvolver a oferta turística do concello e a identificar a cidade como un destino con actividades da natureza sumamente atractivo".

Comentarios