A Xunta aposta por Sargadelos como referencia cultural de Galicia

O acordo de colaboración coincide co 100 aniversario do nacemento de Isaac Díaz Pardo
Reunión de Román Rodríguez con los miembros del patronatode Sargadelos. JOSÉ Mª VÁZQUEZ
photo_camera Reunión de Román Rodríguez cos membros do patronatode Sargadelos. JOSÉ Mª VÁZQUEZ

A Xunta pasará a formar parte do padroado da fundación Sargadelos tras o acordo alcanzado polo Goberno galego coa dirección da firma. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, participou na reunión deste padroado, na que anunciou a decisión xunto ao alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o xerente de Sargadelos, Segismundo García. Do padroado tamén forma parte, entre outros, o exdirector de El Progreso Lois Caeiro.

O obxectivo deste acordo é impulsar a marca Sargadelos como gran referencia cultural de Galicia, ao tratarse dun nome que conta cun gran simbolismo de representación do país, cun papel preponderante durante o pasado século para o conxunto da cidadanía. Tamén é destacable que esta colaboración coincide coa conmemoración do nacemento do fundador de Sargadelos, Isaac Díaz Pardo.

A reactivación do complexo de Cervo, como primeiro paso dun ambicioso proxecto autonómico, conta con varias iniciativas que serán recollidas nunha folla de ruta na que estará implicada a Xunta para pór en valor e difundir o legado cultural de máximo nivel de Díaz Pardo e Luis Seoane, tendo tamén en conta a súa pegada no Castro (Sada) e Santiago. Neste sentido, tal e como recordou Román Rodríguez, o pasado verán inaugurouse a primeira fase do museo, un proxecto expositivo en Cervo que recolle a historia da fábrica de cerámica e que prevé tamén recuperar a casa na que viviu Díaz Pardo, un elemento positivo na dinamización da Mariña.

A Xunta tamén celebrará esta alianza coa Fundación Sargadelos cunha gran exposición que terá lugar na Cidade da Cultura e que levará por título As miras de Isaac, supervisada por dous dos seus fillos, Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro. A mostra poderá verse no Gaiás, desde o 6 de novembro ata o 4 de abril de 2021 e constará de obras de arte, obxectos persoais, fotografías, textos, murais, documentos e proxeccións.

Comentarios