A Xunta apoia que a fábrica de Altri se instale na provincia

Feijóo asegurou no Parlamento que recomendarán construír a planta de fibras téxtiles en Lugo "se é viable". Cervo é o lugar preferente aínda que o alcalde mantén a prudencia

Polígono de Cuíña, en San Cibrao. GOOGLEMAPS
photo_camera Polígono de Cuíña, en San Cibrao. GOOGLEMAPS

A fábrica de Altri está un pouco máis preto da Mariña logo de anunciar o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, este mércores no Parlamento que "o Goberno galego a través da súa representación na Sociedade Impulsa proporá que, se é viable, a fábrica de fibras téxtiles se emprace na provincia de Lugo" 

As miradas tras esta declaración diríxense ao concello de Cervo, xa que un dos lugares avaliados para a instalación é o polígono de Cuíña en San Cibrao aínda que o alcalde, Alfonso Villares, insiste en que "hai que ser cautos" e esperar a que se decida oficialmente a localización. Non debería tardar moito en facelo a Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia (Impulsa), participada nun 40% pola Xunta, nun 38% por Abanca, nun 12% por Reganosa e un 10% por Sogama, e creada para o impulso de iniciativas empresariais como a de Altri, que transformará madeira en fibra téxtil, coa previsión de crear 1.500 postos de traballo directos, máis de 6.500 indirectos e 1.700 durante a construción da fábrica, que prevé producir unhas 200.000 toneladas anuais de lyocell tras un investimento de 800 millóns de euros. 

"Se o di o presidente non hai máis que dicir, esa é a información que hai", limítase a dicir Villares sobre as palabras de Feijóo, pero elude precisar se será Cervo a localización final. "É unha posibilidade e esperemos que veña para a comarca da Mariña sen dúbida", apunta o rexedor popular, e engade que o que coñece deste proxecto "son esbozos, son estudos que esperemos que frutifiquen" pero ao seu modo de ver "é algo que está aínda bastante verde; hai que ser cautos e nada máis". 

"Hai que ser cautos", afirma Villares, que de todos os xeitos ofrece o seu "dispoñibilidade absoluta" para acoller esta empresa

O alcalde de Cervo entende que A Mariña sexa un lugar predilecto para a localización dunha empresa deste tipo —que require ter a madeira cerca, ademais de auga e boas comunicacións—, pois "é onde está a maior masa forestal de eucaliptos de toda Galicia e sería unha zona ideal para o seu asentamento". 

No caso concreto de Cervo ofrecen "a dispoñibilidade absoluta" para acoller esta industria, para a que ofrece o terreo que poida ser necesario no parque empresarial de Cuíña. "Ningún concello ten desenvolvido a cantidade de solo industrial que precisa, pero nós damos a posibilidade de dar cabida á que sexa, hai posibilidades de desenvolvelo". 

PRIORIDADE. O rexedor cervense cre que esta posible implantación non pode facer esquecer o problema que ten actualmente a comarca coas ameazas de peche sobre Alcoa e Vestas. "É algo prioritario e témonos que centrar todos niso. Ten que haber unha solución para Vestas e tamén para Alcoa, un problema co que levamos moito tempo e que ten unha solución fácil pois só se necesíta compromiso político para esa intervención temporal por parte do Goberno a través da Sepi".

Mancomunidade | Pide "concreción" e que se confirme a súa localización 
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Fran Cajoto, demanda ao presidente da Xunta "concreción" sobre a localización da empresa, pois "a provincia de Lugo é moi extensa", e ínstao a optar por esta comarca, que "está a sufrir unha grave crise industrial".

"Temos man de obra especializada e a materia prima nos nosos montes. Non podemos permitirnos perder unha oportunidade coma esta ,"di Cajoto, pois "de turismo só non somos capaces de vivir". 

Colaboración técnica 
O presidente da Mancomunidade ofrece colaborar desde A Mariña cos técnicos. "Ofrecémonos desde xa mesmo a formar parte dun comité que permita superar os atrancos dun proxecto desta envergadura, que marque e defina o mellor solo industrial que poida acoller a planta nesta comarca", afirma Cajoto, quen rexeita "loitas partidistas". "Polo volume de empregos e a categoría do proxecto pode supoñer un punto de inflexión na Mariña", opina.

Comentarios