A Xunta apoia á hostalería de Ribadeo con preto de 700.000 euros

Javier Arias reuniuse con responsables da sala Rosa Lar, un dos locais beneficiarios
Javier Arias (izquierda), en la reunión con los representantes e Rosa Lar. AMA
photo_camera Javier Arias (esquerda), na reunión cos representantes e Rosa Lar. AMA

A Xunta de Galicia axudou durante os últimos meses con preto de 700.000 euros, máis concretamente 697.530, á hostalería de Ribadeo a través das 207 axudas correspondentes aos dous plans de rescate e ao programa para o acondicionamento de terrazas e ao envasado de produtos para o servizo a domicilio.

O delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse cos responsables da sala de festas Rosa Lar, de Ribadeo, unha das máis emblemáticas da localidade e de toda a comarca mariñá, e que foi ademais un dos establecementos que se beneficiaron destas axudas do ente autonómico.

Arias recordou que xa está en marcha o terceiro plan de rescate para o sector, que se pode solicitar ata o próximo día 14 e que prevé anticipos de ata o 100% da axuda só con presentar unha declaración responsable.

Deste xeito, a Consellería de Emprego e Igualdade concedeu en Ribadeo 191 axudas por un importante de 512.700 euros nas dúas primeiras edicións do plan de rescate.

Pola súa banda, a Vicepresidencia económica e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación puxo en marcha a través do Igape o programa para o acondicionamento de terrazas e a compra de elementos de envasado para domicilio, que sumou 184.800 euros en axudas para dezaseis hostaleiros do municipio.

Javier Arias avisou de que xa está en marcha o terceiro rescate ao sector, que se pode solicitar ata o 14

ENCOMIOS. No encontro cos propietarios da sala de festas ribadense, o delegado territorial encomiou a responsabilidade dos empresarios do lecer nocturno galegos· "que están entre os máis castigados pola pandemia" e sinalou que a Xunta traballou man a man co sector para poder reabrir o pasado 1 de xullo en todos os concellos salvo os que se atopen nun nivel máximo ou medio de restricións na comunidade galega.

Así, os establecementos que así o desexen poden abrir cun horario ata as tres da mañá e cunha ocupación no interior do 50% e no exterior, nas terrazas, do 100%.

O delegado territorial da Xunta pediu "manter a cautela e incidir no cumprimento das normas sanitarias, tamén por parte dos clientes, para evitar retroceder porque o lecer nocturno precisa retomar definitivamente a súa actividade".

Comentarios