Xunqueira pide cambios para arranxar os danos da riada

A asociación veciñal indicou aos portavoces municipais que foron aceptados por Augas pero non figuran nos anteproxectos enviados
photo_camera Zona da ponte medieval de Xunqueira.

A asociación veciñal reclama aos portavoces políticos de Viveiro que soliciten a inclusión das modificacións aceptadas por Augas de Galicia no anteproxecto seleccionado para reparar os danos causados pola riada no barrio de Xunqueira.

O colectivo recorda que a Xunta aceptou respectar a ponte medieval ou facer outro arco para o aliviadoiro, entre outros cambios que non figuran na proposta remitida ao Concello e escollida polos políticos como a mellor en base aos criterios de seguridade dos técnicos autonómicos.

A asociación de Valdeflores mantivo un encontro cos portavoces e responsables municipais, no que tamén demandou que se axilice a limpeza do río Cova para minimizar riscos ante a posibilidade de que se produzan choivas intensas que provoquen inundacións se a maleza, ramas ou árbores taponan a canle.

A veciñanza tamén urxe á alcaldesa levar ao pleno a aprobación do anteproxecto antes de fin de ano para despois negociar o financiamento das obras entre as administracións. Ademais, a próxima semana enviarán o informe solicitado pola directora de Augas e a conselleira de Infraestruturas, quen se comprometeron a tramitar a actuación en tres meses de cumprirse os prazos. A intención sería acometer todos os traballos entre 2020 e 2021.

O primeiro tenente de alcalde, Jesús Fernández, expuxo que a alcaldesa estuda a posibilidade de que un maderista corte madeira en anacos pequenos para facilitar a súa retirada. Augas comprometeuse a realizar limpezas periódicas -cada catro meses no verán e bimensuales no inverno- para manter acondicionado o río.

O documento enviado pola Xunta inclúe por primeira vez ás consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural. Neste sentido, establécese un convenio para vixiar as curtas e os pasos sobre o río. Ademais estúdase a posibilidade de esixir aos propietarios a limpeza dunha franxa de varios metros no bordo da canle, como xa se fai no río Landro.

A Xunta prevé declarar a zona inundable e colocar carteis, así como reparar o paseo danado ao pé do río Fontecova, desde a casa máis próxima ao campo da festa ata o último muíño.

Doutra banda, o BNG urxe a limpeza exhaustiva do río, que «agora ten eucaliptos atravesados que fan de presa natural agravando a situación de darse intensos chuvascos». A portavoz, Miriam Bermúdez, tamén reclama que Medio Rural controle as curtas para que queden en condicións.

Comentarios