Xulia Nogueira: "Son precisas cousas novas para que os nenos non perdan interese"

Despois da súa estancia na cidade alemá de Gütersloh para impartir clases de violonchelo, Nogueira recoñece as diferenzas entre os dous países a nivel musical pero tamén a necesidade de estreitar as colaboracións para coñecer novas realidades que permitan seguir avanzando
Xulia Nogueira. ARQUIVO
photo_camera Xulia Nogueira. ARQUIVO

Hai un ano que os docentes Xulia Nogueira e Xan Carballal manteñen contacto coa escola de música da localidade alemana de Gütersloh e están a estreitar lazos de colaboración para proxectos futuros. No marco desta colaboración, Xulia Nogueira, directora da escola de música de Xove, viaxou a Alemaña para impartir clases de violonchelo, xunto a outros profesores doutras partes do mundo.

Como foi esta experiencia?

Estupenda. Ía con algo de medo porque a forma de traballar alí é diferente, pero saíu todo ben. Impartimos clases en grupo para nenos pequenos, porque alí a partir dos cinco anos xa tocan, e para os maiores traballamos en sesións individuais. Fixemos práctica seccional de orquestra e orquestra de violonchelos.

Como foron as súas clases?

Aproveitei a forma de traballar aquí coa utilización das TIC e os musicogramas para os máis pequenos, que alí non son habituais porque son máis tradicionais, así que aos nenos lles encantou descubrir algo novo. Eu aportei a miña forma de traballar e eles tamén me transmitiron o seu xeito de aprender.

Tamén estivo en contacto con outros profesores.

Si, sempre está ben para refrescar cousas e para ver outras formas de traballar. Foi unha experiencia moi boa e refrescante.

A súa idea é continuar con este tipo de colaboracións?

Si, pensamos en continuar o contacto e desenvolver outros proxectos porque resulta interesante. Por exemplo, queremos facer un intercambio de orquestra, que eles veñan o vindeiro mes de outubro e nós ir en xuño de 2021. Penso que é interesante seguir nesta liña, tanto para os alumnos como para os profesores, porque van ser intercambios moi positivos. Tamén queremos que veña aquí un profesor que ten un interesante proxecto para métodos de percusión e eu tamén volverei o vindeiro ano para participar no workshop de violonchelo.

Encontrou moitas diferenzas na maneira de concibir a música?

Si, hai moitas. Eles sácannos vantaxe porque levan xa anos coa ensinanza musical e nós empezamos máis tarde a crear escolas de música. O seu xeito de ensinar tamén é diferente; por exemplo, nós concibimos o solfeo como unha parte importante da aprendizaxe e eles non. Son puntos de vista diferentes. De todo iso nós podemos adoptar algunha cousa que nos interese e que poida funcionar aquí, pero tamén hai que ter en conta que se trata de realidades culturais diferentes.

A música aquí cada vez está cobrando máis relevancia.

Cada vez máis e estamos evolucionando moi ben. Os nenos teñen interiorizado que estudan música e incluso tamén para desenvolverse como músicos. A verdade é que a pesar de que en Alemaña levan máis anos traballando neste campo a diferenza a nivel práctico non é moi grande. Pódese dicir que empezamos tarde con isto, pero que imos moi ben.  É importante estar sempre activo e aberto a cousas novas para que os nenos manteñan a dinámica e non perdan interese.

Ten algunha anécdota da súa estadía en Gütersloh?

Os nenos sempre deixan algunha anécdota, pero por destacar algo sería o feito de que chegaban á clase e atopábanse cunha profesora diferente e falando en inglés, que eles non o falan así que lles chocaba un pouco. De feito cos máis pequenos viñan á clase as nais para traducirlles. Pero ao final conectas con eles a través da música e todo funciona ben.

Por que elixiron Alemaña para estas colaboracións?

Porque temos unha filla que se dedica profesionalmente á música e elixiu esta escola alemana para facer prácticas. É unha escola núcleo, que funciona con outra trintena de escolas e foi ela mesma a que se deu conta de que o seu xeito de traballar era moi parecido ao que temos aquí e empezamos a establecer contacto cunha mestra de alí. Ao pouco viaxamos e puidemos comprobar que si temos cousas en común e plantexamos establecer estes contactos, que polo momento están saíndo moi ben.

Comentarios