Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

O xuíz desestima a petición de UXT de paralizar os despedimentos en Sargadelos

Fábrica de Sargadelos en Cervo. IRIA L.V
Fábrica de Sargadelos en Cervo. IRIA L.V

O maxistrado defende que o documento redactado pola empresa no que expresa a intención de prescindir de 49 empregados "non vulnera ningún dereito fundamental da liberdade sindical"

O Xulgado do Social número 2 de Lugo desestimou a adopción das medidas cautelares solicitadas por UXT na demanda contra Sargadelos, segundo informa o TSXG. O sindicato requiría a paralización dos despedimentos anunciados pola empresa o pasado 17 de agosto.

"O documento, sen firma algunha, que se di redactado polo codemandado, o único que expresa é a vontade de prescindir de 49 empregados, o que así exposto non vulnera ningún dereito fundamental da liberdade sindical, e iso independentemente de que de facerse efectiva tal medida poida ser obxecto do correspondente procedemento”, argumenta o xuíz no auto.

O titular do Xulgado do Social tamén rexeitou a petición dunha orde de cesamento do “ataque directo ou indirecto” contra unha representante dos traballadores e a organización sindical UXT. “Esta pretensión exercítase de forma tan abstracta e xenérica que, de ditarse, podería implicar incluso unha vulneración do dereito á liberdade de expresión”, sinala o maxistrado.

Sobre a demanda de paralización da recollida de firmas de persoal da empresa contra o sindicato supostamente promovida desde a dirección de Sargadelos, indica que o escrito presentado ante o xulgado reflexa “sen máis” a intención dos empregados de revogar “da súa representación á aquí codemandante”, o que é “obvio que non pode ser impedido a través dunha medida cautelar, sen prexuízo de que de levarse a cabo finalmente a revogación poida ser anulada pola falta de requisitos contemplados na lei”.

O auto tamén se pronuncia respecto da solicitude da demandante de deixar sen efecto a comunicación remitida á traballadora o 21 de agosto de 2018 pola que se lle concede un permiso retribuído. “Ningunha razón tería adoptar esta medida cautelar unha vez concedido o permiso, sen que, en todo caso, conste oposición ao mesmo por parte da traballadora, así como que na súa adopción ningunha urxencia existe para asegurar a efectividade da sentenza que no seu día se dite”.

Contra o auto cabe presentar recurso de reposición ante o Xulgado do Social número 2 de Lugo no prazo de tres días desde a súa notificación.

O xuíz desestima a petición de UXT de paralizar os despedimentos en...
Comentarios