Xosé Manuel Budiño: "Teño moi bos recordos dos meus primeiros concertos en Burela"

Este artista xa consolidado no panorama musical galego e internacional amenizará a noite de mañá durante a celebración da trixésimo quinta edición da Feira do Bonito de Burela, onde presentará un novo álbum que ten como novidade a súa participación como cantante
budiño
photo_camera Budiño. EP

A VOZ de Budiño é a protagonista do seu novo disco, que presentará este sábado ás dez da noite durante o seu concerto na Feira do Bonito de Burela. Este artista galego recorda os seus primeiros concertos no pobo no antigo local da Zaranda onde tocou antes de sacar o seu primeiro álbum.

Que foi o que fixo que se animase a poñer a súa voz para o novo disco?

Eu sempre lle pedía a amigos que cantasen eles, pero chegou un momento no que sentín a necesidade de facelo eu mesmo. Foron moitas as cousas que provocaron que chegase a esta conclusión e ao final animeime a facelo neste novo disco que titulamos Fulgor.

Como evolucionou a súa música dende que comezou na industria?

Dende que saquei o meu primeiro disco, xa fai uns 22 anos, sempre tiven claro que quería compoñer. Eu veño de distintas músicas, e grazas a isto puiden evolucionar e cada traballo que fixen ten unha forma totalmente distinta.

‘Fulgor’, na súa edición física, ven acompañado dunha botella de viño.

Si, trátase dun mecenado cultural coa Adega Ponte da Boga que vai nunha edición especial de papel pedra, que está elaborado sen auga e ademais é biodegradable. Estamos encantados de ir da súa man e de que apoien iniciativas coma esta.

Como naceu a idea desta colaboración?

Para nós foi unha sorpresa. Eles escoitaron os primeiros borradores e presentáronnos esta proposta. Aceptamos encantados porque estamos moi conectados con eles pola forma artesá que teñen de elaborar o viño, e tamén polo tema do papel pedra que para min é moi especial porque está feito á man e todo encaixaba coa filosofía do disco.

Está tendo boa acollida este novo proxecto?

De momento ao mellor é moi rápido para aseguralo, pero estamos encantados. Sobre todo é a sensación que teño cando me subo ao escenario e vexo á xente disfrutar coa música a que me fai pensar que está gustando moito.

Vai volver poñer a súa voz para os seus próximos traballos?

De momento quero deixarme levar polas sensacións e cando chegue o momento vou decidir, aínda que agora aínda falta moito.

Como prepara os seus concertos?

A preparación xa está ligada dende o primeiro momento no que comezas a compoñer un tema ou un disco. Entón realmente dura todo o tempo, non hai un momento que dedique exclusivamente para iso. Logo de gravar o disco empezamos con ensaios toda a banda para matizar algúns detalles e falar de como levar ao directo os temas.

Tocou en moitos países por todo o mundo pero, que significa para vostede tocar en Galicia?

Si, realmente levo xa 20 anos tocando fóra. Estiven actuando en países como Cabo Verde, en México, Colombia, Canadá, Arxentina, Shangai e en case todos os de Europa. Sempre foron todas boas sensacións e aprendín moito. Pero volver a Galicia e tocar aquí é unha forma de recargar as pilas, sobre todo para compoñer. A miña carreira é de compositor de toda a vida e necesito tempo e espazo en Galicia para compoñer.

Parécelle positiva a evolución que experimentou a industria da música?

É certo que coas novas tecnoloxías mudou completamente e está en constante cambio. Non é o mesmo nin á hora de gravar, nin de producir ou de publicitar. Hai unha evolución moi grande á hora de distribuír tamén, xa que agora a xente pode ter todo o contido dun disco a un click, e para min isto é moi interesante xa que esta forma de acceso tamén rompe barreiras. Creo que é positivo, aínda que nunca se sabe cara onde pode continuar esta evolución.

Realmente gústanme moitos estilos de música distintos, quero que a música me transmita algo e faga que me emocione

Cal é o seu estilo musical favorito?

Eu creo que hai suficiente espazo para todas as propostas musicais. Sempre defendo as propostas dos músicos e das músicas, non o estilo. Dentro dun estilo sempre vou admirar ás persoas. Realmente a min gústanme moitos tipos de música distinta, dende o jazz ata o rock e o pop ou a música popular. Eu admiro ás persoas que fan boa música independentemente de onde se faga, e son moi aberto ás sensacións que me transmite a música ben feita. Gústame a música que me transmite algo e que faga que me emocione.

Como enfocará o concerto de mañá na Feira do Bonito?

Pois a actuación estará estruturada como o resto das que estamos facendo ultimamente. Interpretaremos as dez cancións do disco e algunha outra dos outros, que tamén son cancións cantadas e eu tamén poñerei a miña voz. Estes temas son moi especiais, son algúns dos que máis me gustan e elixinos eu.

Que representa para vostede actuar en Burela?

Pois esa é unha zona que coñezo ben. Xa toquei hai anos en Burela unhas cuantas veces. Teño recordos dos meus primeiros concertos antes de sacar o primeiro disco, nun local que se chamaba A Zaranda. Faime especial ilusión voltar a Burela, que é como voltar ás orixes. Ademais este ano é moi especial porque declararon a Feira do Bonito de Interese Turístico Nacional. Teño moitas ganas de tocar e de ensinarlles o meu traballo.

Comentarios