A Xeorruta especial polas Catedrais convence

Participaron 70 persoas e o Concello espera ofrecela máis anos
2020092312453240502
photo_camera Un dos grupos participantes, limitados en número polo covid. EP

Preto de 70 persoas puideron participar na edición especial da Xeorruta dos Arcos en Ribadeo, unha iniciativa do goberno local gratuíta para os asistentes que levou a cabo en tres sesións coincidindo coas mareas máis grandes do ano, o que fixo posible coñecer ata o último recuncho da praia das Catedrais.

O concelleiro de turismo ribadense, Pablo Vizoso, fixo un balance "moi positivo" desta "iniciativa única" que desde o goberno local esperan poder repetir en próximos anos. "Estamos moi satisfeitos da acollida que tivo a edición especial da Xeorruta dos Arcos con visitas o venres, o sábado e o domingo desta semana pasada, na que participaron preto de 70 persoas", apunta Vizoso, que cualifica de única esta proposta xa que "só se pode vivir unha vez non ano, coincidindo coas mareas máis grandes deste 2020, que na baixamar permitiron visitar a totalidade do monumento natural da praia das Catedrais".

Con todo os participantes non só percorreron a que realmente se chama praia de Augasantas, senón que ao estar a marea tan baixa puideron chegar ata praia de Esteiro, a seguinte en dirección Ribadeo. "Partindo das Catedrais o percorrido levounos a coñecer polo miúdo tódalas formacións rochosas, chegando incluso ata a praia de Esteiro", apunta Vizoso.

O concelleiro de turismo espera que esta visita "fose do agrado de todos os participantes. Confiamos en poder repetir experiencias únicas coma estas nos vindeiros anos", reseña.

INTERÉS. A Xeorruta dos Arcos foi unha iniciativa do goberno municipal ribadense que inmediatamente contou cunha grande aceptación por parte do público. Inicialmente programouse tanto esta como outra na zona de costa correspondente a Rinlo.

As dúas tiveron moi boa resposta xa que as súas peculiaridades xeolóxicas e biolóxicas foron explicadas por guías especializados que atendían as curiosidades dos participantes que, ademais, accedían a algúns lugares privilexiados nos seus percorridos.

Comentarios