"Xa non me vexo sen cor no pelo, estaría sosa, aburrida"

Son Belén Mogo e nacín en 1970 en Cangas de Foz. A miña paixón é a pintura e son profesora. Xunto a Martín Lestao acabamos de gañar o concurso para o deseño do muro da que foi a antiga conserveira de Burela, onde se lembrará á muller do mar. Gústanme as cores, a miña vida está chea deles.
Belén Mogo no seu taller de pintura. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Belén Mogo no seu taller de pintura. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Antes de nada, felicidades por gañar ese concurso xunto a Martín Lestao.
Estou moi leda con este premio. É un recoñecemento a toda a miña traxectoria anterior.

¿Que estudou vostede?
Fixen deseño gráfico na Escola de Artes Aplicadas de Lugo. Pero agora ao que me adico é a dar clases de pintura con distintas asociacións, como Ledicia, Amas de Casa... Tamén fago carteis ou o que vaia saíndo.

Sempre tivo facilidade para a pintura?
Empecei no cole e sempre me gustou. Fun ao Fondo Nois e gañei varios concursos infantís. Xa entón pintaba en óleo sobre lienzo e foron os mestres os que animaron a miña nai a que me mandara a unha escola en Lugo.

Que significa para vostede a pintura?
É unha parte moi importante da miña vida. Necesito o bonito, a cor, dame ‘vidilla’, positivismo. Gústame expresar as miñas inquedanzas, velas reflectidas na pintura.

Ten algunha rutina?
Non. Eu pinto por inspiración. Non teño nin horario nin temática fixa. Ás veces tardo moito en decidir que pintar e outras veces saen sós.

E onde pinta?
No local onde dou as clases.

Son moi dispares os alumnos que ten na súa clase?
Hai de todo, desde nenos a xente maior, como unha persoa de 87 anos que se atreve co todo. Dinme conta de que podo transmitir, que motivo a xente para que probe cousas novas. É moi satisfatorio.

Fixo algunha exposición?
Sí, na Casa da Cultura de Burela o no Doce Lecer.

Gustaríalle expoñer en sitios máis importantes?
Non. Non son nada ambiciosa. Eu pinto para min; se lle gusta a alguén máis, perfecto.

Cando vai de viaxe, aproveita para ver museos?
Non sempre, pero moitas veces vou cunha amiga e xa fomos a Arco, en Madrid, e procuramos disfrutar un pouco do que nos gusta.

Foi ao Louvre, en París?
Non, pero fai catro anos estiven no Moma de Nova York. E impacta. Ábreche moito a mente.

Como é a súa pintura?
Caracterízome porque me gustan moito as cores, as cores vivas, na miña vida tamén, como no meu pelo, coa roupa, na decoración da casa. Iso é así desde pequena.

De cantas cores tinguíu o pelo?
De moitas. Xa non me vexo sin cor no pelo, estaría sosa, moi aburrida.

Tivo algún pintor de referencia?
Fun sempre autodidacta, pero sempre me chamou a atención Toulouse-Lautrec entre os pintores. E gustoume moito o cadro Las Bailarinas de Degas. Vin a pincelada en directo, no Thyssen de Madrid.

Gústalle o traballo de deseñar as alfombras florais nas festas patronais de Burela?
Si, gústame moito. Fágoo con Martín; somos varios, e ademáis creamos a asociación floral e xuntámonos moitoa e facemos outros traballos.

Comentarios