"Estamos chegando a sitios de España onde nunca pensabamos"

Hai negocios que aproveitan as épocas de crise como a que trouxo a pandemia do covid para innovar, e ese é o caso das tendas de roupa que dirixe José Ginzo, que acaba de impulsar con éxito unha páxina propia de venda por internet "de última xeración", ginzomoda.com
JOSE GINZO DUEÑO DE GINZO MODA EN RIBADEO MUESTRA SU PAGINA WEB PARA VENDER PRODUCTOS DE SU TIENDA
photo_camera José Ginzo, no se establecemento de Ribadeo, amosa a tenda online. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O EMPRESARIO focego José Ginzo xa tiña páxina web do seu negocio pero apostou por impulsar unha tenda online para chegar ao maior número de xente posible.

Que o levou a crear unha tenda online propia?

Foi a raíz da pandemia e das necesidades que fomos vendo, de poñer o produto máis alá da comarca e chegar ao máximo número de clientes. Decidimos facer unha páxina de venda online de última xeración, onde a venda está totalmente unida ao stock das tendas físicas e que conta coa pasarela de pagos máis segura, dando entrada a medios de última xeración como Bizzum, adeais de permitir Paypal, tarxetas ou transferencia.

Supúxolles moito esforzo a nivel infraestrutura?

Fixémolo coa empresa Byte Factory, especializada na confección de programas de venda online de textil e calzado. Tivemos que cambiar todo o noso sistema informático interior e volcar todo o stock ao novo, e a partir de aí empezamos en probas ata ver que podiamos saír con garantías. Puxémonos o 1 de marzo coa campaña de primavera- verán, queriamos empezar con produto dunha temporada que se estaba iniciando.

Están satisfeitos con estes primeiros pasos da páxina?

A valoración é moi positiva, dá lástima non telo feito cinco anos antes. Estamos chegando a sitios de España onde nos parece moi complicado chegar a vender, por exemplo estannos chegando pedidos do País Vasco, A Rioxa, Andalucía... Ás veces buscan un produto dunha marca en concreto e a nosa páxina permite a través de Google chequear esas prendas e que o consumidor as detecte. Por outra parte o que estamos facendo é enchendo de contido todos os días a web, o produto que vai entrando en tenda física case ao mesmo tempo está na online e xa non a vemos só como unha plataforma de venda, senón como unha forma de que calquera cliente sexa de onde sexa poida ver as propostas que temos en canto a marca e produto. Tamén temos un apartado outlet con prendas que van quedando a un prezo moi interesante e cando sexa periodo de rebaixas tamén van estar os produtos con descontos.

Ve perfectamente compatible a tenda online coas físicas?

Van ter que convivir o analóxico e o dixital, non creo que as tendas físicas teñan que desaparecer. De feito unha das cousas que facemos moito é devolución ou recollida de produto en tenda para xente que é da comarca ou lle resulta cómodo pasar. Tamén estamos vendo que xente de Asturias, co problema que teñen para cruzar, están comprando, aproveitando que en 24-48 horas teñen a prenda na casa sen necesidade de desprazarse. Aproveitamos para a venda online a infraestrutura que temos coa axencia de transporte que xa tiñamos antes, pois por exemplo había xente que viña de vacacións, compraba unha prenda que quedaba a amañar e íase para a súa cidade, e despois nós facíamoslla chegar a portes pagados á súa casa.

"As plataformas online son un complemento pero temos que coidar o comercio local, que é o que fai que os pobos sigan vivos"

Xa tiñan presenza tamén nas redes sociais.

Si, son un complemento fundamental. Todos os días publicamos novas propostas e agora van sempre enlazadas á páxina web de tal forma que o consumidor xa pode ver o prezo da compra, a disposición de tallas e mercala. Son unha forma de estar conectado co cliente día a día; antes tiñan que pasar por diante do escaparate para ver o que tiñas e hoxe rematan a xornada entrando a ver que propostas temos nas tendas.

Cambiaron moito os hábitos da clientela nos últimos tempos?

Agora o que ten a clientela é que gran parte dela xa vén moi instruída, coas ideas moi claras, ás veces incluso cun soporte a través do móbil da prenda que busca. Estamos comprobando que moita dela xa che demanda esa prenda que viu na nosa páxina, xa vén moito máis a tiro fixo; independentemente do que queira ver ou lle poidas ensinar, vén coa idea de probar prendas que viu na páxina web. Se algo temos que deberlle tamén a este periodo de confinamento é que meteu no mundo dixital a xente dunha idade que doutra forma tal vez tardaría anos en entrar; xa sabemos que hai unha xeración que naceu co móbil e que está totalmente dixitalizada, pero tamén hai eses pais e incluso avós que agora foron perdendo o medo. Outro cambio relevante é que en cuestión dun ano moitos clientes que eran de pagar con efectivo trasladaron os seus pagos á tarxeta, é un cambio máis que veu para quedarse.

Como sobrelevan estes tempos tan difíciles na comarca, coa paralización que trouxo o covid e tamén o medo polo futuro de Alcoa?

Todos estamos sufrindo o que a pandemia nos trouxo, os meses pechados, as restricións horarias, as da hostelería... provocou que non haxa alegría e que esteamos esperando unha recuperación. Co tema de Alcoa hai especial preocupación na comarca, pero por outra parte tamén desde Ribadeo estamos vendo que tanto Ence como os estaleiros están traballando a pleno rendemento, só falta a posibilidade de poder cruzar a fronteira con liberdade. Se se resolve o tema de Alcoa creo que van vir meses onde a recuperación se vai notar no día a día.

Forma parte das asociacións de comerciantes, é máis vital hoxe que nunca a unión do pequeno comercio?

É fundamental que o comercio se dea conta de que se non estamos unidos e se non remamos todos na mesma dirección temos os días contados. Tanto a asociación de Foz á que pertenzo como vicepresidente como a de Ribadeo da que son socio están facendo un gran labor para manter o comercio unido e proxectar todas as súas propostas no mercado ante os clientes. De feito en Foz existe unha plataforma, ‘compraenfoz. com’, onde se reúnen a maior parte de establecementos e Ribadeo está facendo unha oferta todos os venres a través dun escaparate virtual onde mostra o que temos que ensinar as pequenas tendas. Temos que coidar do comercio local, que ao final é o que axuda a que os pobos sigan vivos; as plataformas online veñen para complementar iso pero os pobos sen comercio local non teñen futuro.

Comentarios