"Voulle facer unhas zocas ao Papa, pastorales e sen grandes adornos"

Ser zoqueiro, máis que un traballo, é un oficio. Alberto Geada é o último que queda en Galicia e, ademáis de crear exemplares únicos, ten unha colección de 200 pezas en Mondoñedo
Alberto Geada. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Alberto Geada. JOSÉ Mª ÁLVEZ

OS AMIGOS de Alberto Geada prestáronlle as súas furgonetas para mover os 200 exemplares de zocas que ten, que deixaron o castelo de Castrodouro e volveron ao Pazo de San Tomé de Mondoñedo. Dende alí, este zoqueiro seguirá divulgado as historias deste calzado primitivo e creando pezas como a que fixo coa estética de Mondrian. Fai calor e Geada está deitado ao lado do río Masma ideando novas vidas para as zocas.

Es o zoqueiro máis mozo.

A nivel profesional, en zoca, son o último zoqueiro de Galicia e un dos últimos representantes do calzado primitivo de madeira en Europa. A maior parte de xente que me coñece nin imaxina que sea zoqueiro. Cando vou vestido de rúa, a xente alucina.

Aprendeu de seu pai?

Unha gran parte, si. Pero tamén aprendín con grandes profesio nais do calzado tanto de Galicia como do norte de España. Con eles colles unha forma tradicional que non é fácil de transmitir. En min ven unha persoa que se interesa polo producto, entón vanme transmitindo. Non din as cousas tal é como son. Co paso do tempo vaste dando conta do que che estaban dicindo de forma indirecta.

Non é de grandes producións.

Entre Alfoz e O Valadouro houbo 16 fábricas ou máis. Éramos un dos maiores productores da zona norte. Iso foi decaendo e a min facer zocas en serie non me gusta demasiado. Eu son de inventar, de desenvolver novas pezas, buscar información e poñer en valor.

E en conseguir que volva a ser un calzado que se use, non?

Niso andamos, cando as zocas tradicionais pasen ao olvido, hai que elaborar un novo para competir co calzado actual.

Dicir que as zocas foron a un desfile de moda, mola. Dicir que andan pola corte, non

Algo como o que fixo Elena Ferro cos zocos.

Ela ten o seu estilo, deulle un avance ao zoco importante. O seu produto está de moda, ten moita demanda. O meu é máis ben artístico, non para grandes masas. Transmito máis en exclusividade que en cantidade.

Ademais de crear, é un gran coleccionista, ten 200 pezas. Cal é a que máis lle gusta?

Teñoas de todo o mundo. Unha das máis bonitas é unha do Imperio Otomano do 1800 e pico. Está bordada en fío de prata e ten gravada a cara dun principe e dunha princesa. Usábase para ir aos baños turcos.

A investigación é unha parte fundamental do teu traballo. Recordas algo que atoparas que che sorprendera moito?

Coñecer os zoqueiros da Terra Cha cun modelo diferente ao meu xa foi algo fora do normal. Os modelos cambian moito en cada territorio porque tiñan a súa función. Pero o máis sorprendente foi atopar a albarca de Cantabria. Eu ía no coche por alí e vin un tipo cunhas pedazo albarcas cunha altura bestial. Baixei do coche, faleille e levoume á casa de Amado Gómez, un dos últimos albarqueiros. Máis tarde coñecín ao último sabotier de zoca da bretaña francesa. Cando andas polo mundo, dis: «Isto parece unha saga dos últimos mohicanos»

Ten un traballo bonito, pero tamén ten que ser duro. Pensou en deixalo algunha vez?

Isto é unha supervivencia continua. Eu lévoo ben porque son así, pero hai poucas mentes que se dedicarían a isto. Se nalgún momento intento desviarme das zocas, aparece algo ao día seguinte que me une máis. É como se estivera pegado a esta historia. Podo marchar para China, que en menos de dous meses vou ter as zocas en riba da mesa.

Leva o oficio dentro.

E o que máis morbo me dá é que as zocas de andar pola corte chegan, por exemplo, á moda. Se non fas algo novo, podeste deitar a durmir que non vas conseguir nada. Se tes capacidade de reacción e aproveitas as debilidades, ao final estás alimentando unha historia que vai ser difícil que non funcione.

Vostede traballou moito para a moda?

Si, o mundo da moda resaltou as zocas. Dicir que foron a un desfile, mola. Dicir que andan pola corte, non. Agora o meu obxectivo é facerlle unhas zocas ao Papa, pastorales e sen grandes adornos, para que el se sinta agraciado reprensentando unha cultura mileraria que protexeu o pe dos humanos.

Cre que as vai poñer?

Non sei, pero chegar... vanlle chegar.

Comentarios