Voluntarios e usuarios da residencia de Cervo farán unha plantación de árbores

O Concello celebra así este xoves o Día Mundial Forestal, que no caso dos nenos incluirá teatro

Mali Méndez. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Mali Méndez. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O Concello de Cervo celebrará este xoves o Día Mundial Forestal con varias actividades. A máis especial transcorrerá pola tarde no centro de día e residencia de maiores de San Cibrao, onde os usuarios que o desexen participarán nunha plantación de árbores na zona axardinada do recinto.

Unha actividade para a que os maiores e os seus coidadores estarán acompañados dun bo número de voluntarios, xa que a idea é que sexa unha actividade de colaboración entre os veciños da localidade. O número total de persoas voluntarias en participar limitouse a 25, para poder traballar con comodidade no exterior do recinto xunto cos usuarios, polo que desde o Concello cervense recoméndase anotarse previamente para poder participar nesta actividade, para o que é necesario ser maior de doce anos de idade e anotarse a través do correo electrónico voluntariadoconcellodecervo.com ou ben nos números de teléfono 982.87.91.16 ou 691.65.66.00.

Unha actividade, prevista para as cinco da tarde, e que terminará cunha merenda compartida, na que todos os participantes degustarán chocolate quente con churros.

A iniciativa é froito da colaboración das concellarías de mocidade, servizos sociais e medio ambiente. A responsable desta última, Mali Méndez, é a que coordina as actividades, que terán unha primeira parte para os máis pequenos do municipio á mañá.

Así, o alumnado dos centros escolares da localidade poderá gozar do espectáculo musical O galo quirico e os seus amigos, unha posta en escena con marionetas tradicionais e escenarios de cartón que busca interactuar co público.

O espectáculo que será aínda máis rechamante grazas á música en directo do acordeonista Carlos Quintá e que buscar fomentar entre os nenos o coidado polo medio ambiente e o respecto pola natureza e os bosques.

Comentarios