O Voar reabre renovado

O bar, restaurante e hotel de Ribadeo chega a un acordo con Sargadelos para mellorar a súa decoración
El gerente del Voar, David Molejón. P.V
photo_camera O xerente do Voar, David Molejón. P.V.

O hotel, restaurante e bar Voar de Ribadeo reabre este xoves as súas portas logo de seis meses de parón ao que se viu obrigado empuxado pola pandemia. Aproveitou este tempo para acometer algúns cambios de calado: renovar por completo as habitacións do hotel así como ampliar o servizo de bar e cambiar o restaurante, cunha carta ampliada e un bar tamén impulsado cunha aposta máis decidida.

Ademais, o Voar reabre tras chegar a un convenio co Grupo Sargadelos que lles proporcionou unha ampla exposición de esculturas repartidas por todas as instalacións. Os clientes do bar, sen ir máis lonxe, poderán tomarse unha cana ou unha tapa en vaixela de Sargadelos, un pequeno luxo ao alcance de moi poucos locais.

O xerente do Voar, David Molejón, explica que no restaurante renovaron a carta por completo e indica que se trata dunha oferta innovadora pero na que tamén quixeron deixar un espazo singular para a cociña tradicional.

En canto ao hotel, á marxe da mellora integral que se acometeu nas habitacións, comezará a funcionar xa a pleno rendemento e, de feito, xa comezaron a recibir algunhas reservas de cara ao verán, mostrando que aos poucos algo se vai movendo con respecto ao parón que acompañou á pandemia de covid-19.

EVENTOS. Un dos puntos fortes do Voar será a organización de eventos, algo para o que están especialmente preparados dadas as dimensións do local.

David Molejón comenta que polas características dos seus distintos comedores "son ideais para este tipo de celebracións porque se permite manter moito espazo entre comensais e o local préstase moito, á marxe de ter comedores máis pequenos" que incluso permiten ter grupos máis pequenos de forma individualizada.

Outro cambio importante que poderán notar os clientes do Voar será no bar. Dada a localización destas instalacións, nun cruzamento de camiños importante, vaise a potenciar a súa utilización con almorzos ou traballando de forma máis intensa as racións.

Isto permitirá mellorar e completar un servizo moito máis amplo que agora retoma o pulso con forza tras unha pausa ben aproveitada e coa mirada posta na súa clientela.

Comentarios