Viveiro quere prorrogar a suspensión do pago de taxas das terrazas ao 2021

As licenzas de apertura e actividade tampouco se abonarán. A medida incluíase no plan que selaron goberno e Por Viveiro
undefined
photo_camera Unha terraza da Praza Maior vivariense. AEP

O goberno local de Viveiro levará ao pleno ordinario de decembro unha proposta para prorrogar durante todo o próximo ano 2021 a suspensión da aplicación de dúas ordenanzas fiscais das que se beneficiarán hostaleiros e comerciantes. Concretamente, piden que se suspenda o pago das taxas polas terrazas dos establecementos hostaleiros na vía pública e o correspondente ás licenzas de apertura e actividade que se presenten.

Con esta medida, pretenden desde o Concello, "como administración máis próxima ao cidadán e dentro dás súas posibilidades, contribuír á recuperación económica do municipio", sinalan.

O acordo de suspender a aplicación destas ordenanzas durante este ano 2020 foi acordado en maio polo goberno socialista local e Por Viveiro, un dos grupos da oposición, dentro do plan de reactivación económica municipal.

Recordan, desde o goberno presidido pola socialista María Loureiro, que nese acordo xa se contemplaba "a posibilidade dunha segunda fase desta suspensión de taxas", afirman.

Entenden que esta medida de apoio de face ao 2021 faise aínda máis necesaria agora "polos gromos sufridos e as novas medidas e peches impostos que están sufrindo", xa que a hostalería da cidade do Landro cumprirá este sábado, se non levanta antes as restricións a Xunta, tres semanas totalmente pechada.

O goberno vivariense non terá ningún problema para aprobar esta exención de pagos se volve recibir o voto favorable de Por Viveiro, xa que a suma dos dous edís deste grupo e os sete do PSOE outorgan a maioría absoluta.

No pleno do pasado mes de xuño foron aprobados os orzamentos de urxencia para este ano e o mencionado plan de reactivación municipal sen ningún voto en contra. O PP e o BNG abstivéronse, mentres que o por aquel entón edil de Son Viveiro votara a favor, asegurando todos eles que priorizaban que as axudas chegasen canto antes a veciños e autónomos, e non a batalla política.

Comentarios