Viveiro leva ao pleno a ordenanza de convivencia, limpeza e residuos

Sancionará vandalismo, actos incívicos como cuspir ou ouriñar na rúa e outros como sacudir alfombras ou alimentar animais sen dono
2020070416514410131
photo_camera Residuos tirados recentemente. EP
O goberno municipal de Viveiro leva ao pleno do martes a aprobación provisional da nova ordenanza municipal reguladora de convivencia, limpeza e residuos, que ten como obxectivo non só regular a limpeza viaria e dos espazos públicos -con novas normas como a prohibición de tender roupa ou sacudir alfombras cara á rúa-, senón tamén a inspección e execución subsidiaria de limpezas de solares e outros espazos de propiedade privada. Sancionará ademais condutas relacionadas co depósito de residuos, que van desde actos incívicos como ouriñar ou non recoller as deposiciones das mascotas ao abandono de materiais perigosos. Tamén inclúe a prohibición de beber na rúa "cando altere a convivencia cidadá".

A ordenanza contempla un réxime sancionador con multas de 50 a 750 euros nas infraccións leves, de 751 a 1.500 nas consideradas graves e de 1.501 a 3.000 euros nas moi graves.

En canto ás infraccións leves algúns exemplos en materia de limpeza e convivencia son arroxar á vía pública cabichas, papeis, chicles ou outros desperdicios; non limpar espazos privados como solares, beirarrúas, pasaxes, prazas, patios ou zonas comúns de urbanizacións; non manter limpa a beirarrúa xunto a quioscos ou nas terrazas de hostalería; non recoller os residuos do mercado por parte dos vendedores; sacudir alfombras, roupas, escobas ou similares sobre a vía pública; tender roupa en balcóns ou fiestras orientados á rúa; regar as plantas en balcóns, fiestras ou terrazas se gotean; cuspir, ouriñar ou defecar na vía pública; non recoller as feces das mascotas nin limpar a sucidade que deixan; dispensar alimentos a cans ou gatos sen dono e a gaivotas ou pombas; ensuciar a vía pública de calquera forma ou colocar carteis en lugares non autorizados.

FÓRA DE HORA. En materia de residuos é infracción leve apropiarse de lixo dos colectores ou manipulalos, estacionar en lugares reservados, tirar o lixo fose do horario indicado, arroxar residuos nun colector que non corresponda, depositalos "en cantidades anormais" ou abandonar voluminosos na vía pública, entre outros.

Son infraccións graves -ademais de reincidir nas leves ou dificultar a inspección por parte do Concello- colocar masivamente carteis ou adhesivos en lugares non autorizados, deixar publicidade na vía pública ou nos vehículos estacionados, non limpar o espazo público utilizado para a celebración de eventos, realizar pintadas sobre calquera elemento urbano e verter combustibles, aceites ou calquera outro produto perigoso á vía pública. Tamén se considera grave queimar calquera material, depositar en papeleiras ou colectores materiais en combustión ou a temperaturas moi elevadas, así como obxectos metálicos ou outros que poidan danar o sistema de recollida, abandonar animais mortos ou queimalos en terreos de dominio público ou o depósito incontrolado de residuos de construción.

As infraccións moi graves son reincidir nas graves e causar danos serios no medio ambiente ou que poñan en perigo a seguridade das persoas, entre outras ensuciar a vía pública con residuos perigosos ou industriais, ademais de abandonalos en lugares non autorizados; crear e utilizar vertedoiros incontrolados, non respectar as normas de xestión de residuos de servizos médicos ou veterinarios, ou mesturar os de parques e xardíns con outros que dificulten a posterior xestión.

Á parte da sanción que se impoña, quen violen a normativa estarán obrigados a repor as cousas ao seu estado anterior á infracción. O Concello poderá realizar tamén unha execución subsidiaria "por conta dos responsables" para a que non será necesario requirimento previo.

"Esta ordenanza configúrase como un instrumento que pretende establecer os medios axeitados para garantir a calidade de vida e a defensa do medio ambiente na contorna municipal, articulando a corresponsabilidade pública e privada na protección da contorna e a calidade ambiental", afirma a alcaldesa, María Loureiro. Engade que tras a aprobación inicial no pleno abrirase o prazo de exposición pública de 30 días para a presentación de alegacións.

O Concello tamén ultima a ordenanza de acceso de vehículos ao casco, que está no proceso para resolver as alegacións.

Comentarios